Os sindicatos denuncian "incumprimentos" de Urbaser en Marín, Vilaboa e Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez
O 31 de decembro de 2014 remata a vixencia dos convenios colectivos da empresa Urbaser nos concellos de Marín, Vilaboa, Ponte Caldelas, Redondela e Soutomaior. Por esta circunstancia, o pasado 18 de novembro, foi solicitado ante a empresa as constitucións das distintas comisións negociadoras nos distintos municipios, obtendo unha resposta negativa por parte da empresa.
Este venres en rolda de prensa os delegados sindicais de Comisións Obreiras, UGT e CUT en Urbaser denunciaron que esta negativa "supón un incumprimento no establecido no Estatuto dos traballadores en materia de negociación colectiva".
O estatuto contempla un mes de prazo para iniciar o proceso negociador dende que o solicita unha das partes, neste caso os traballadores.
"Solicitamos a reunión de boa fe como un labor preventivo para evitar o mes de maio", explicou o voceiro de Comisións Obreiras, Eusebio Justo, en referencia ás eleccións municipais "pero parece que á empresa lle interesa esa coincidencia".
Dende o comité de empresa xa se puxeron en contacto cos alcaldes dos concellos implicados para informar das "dificultades" que está a poñer Urbaser e da "posible situación de conflito que se pode xerar", e que afecta a unha poboación de 70.000 habitantes aos que dá servizo esta empresa nestes municipios, segundo indicaron os sindicatos.
"Nós entendemos que o momento de apertarse o cinto xa rematou"
Ademais de informar os alcaldes os sindicatos trasladaron á Consellería de Traballo o incumprimento da empresa.
En total 40 persoas traballan para a multinacional Urbaser nestes concellos e fundamentalmente reivindican unha suba salarial porque "xa nos toca", dixeron. "Cremos que é o momento de reclamar o que é xusto", sinalou Alberto Covelo, de CUT.
Os representantes dos traballadores cualificaron como "miserables" os soldos que están a percibir, duns 840 euros de media. "Nós entendemos que o momento de apertarse o cinto xa rematou", concluíu o responsable da área de Servizos de Limpeza de UGT Galicia, Carlos Corredoira.
Relacionadas:
-
Maratoniana negociación para evitar a folga de lixo en Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Os traballadores de Urbaser iniciarán unha folga de lixo indefinida en Marín o luns 11 de maio
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
Rotas as negociacións do convenio colectivo de Urbaser en Marín
Por Redacción |
-
Seis empresas aspiran á concesión do servizo de lixo en Poio
Por Redacción |
-
Marín ratifica a sanción de 180.000 euros a Urbaser por reiterados incumprimentos de contrato
Por Redacción |