101 festas de Nadal en Ponte Caldelas
Por Redacción
Cecilia Martínez Pazos leva 101 anos celebrando o Nadal e este ano volverá facelo con todas as súas facultades mentais e conservando a súa faceta de gran conversadora.
Este luns 22 de decembro cumpriu 101 anos e recibiu a visita do alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, no seu domicilio no lugar de Mirón, na parroquia de Tourón. Estaba a celebrar o seu aniversario en compañía da súa familia mentres gozaba do Sorteo Extraordinario da Lotaría de Nadal.
Perfecto Rodríguez acudiu acompañado polo tenente de alcalde, Francisco Regueira, e obsequiou á centenaria cun ramo de flores.Tras apagar as velas dunha enorme torta que compartiu cos seus familiares e amigos, Cecilia Martínez relatou ao alcalde que quedou viúva de Benito Pazos durante a Guerra Civil e, sendo moi nova e embarazada da súa terceira filla, tivo que armarse de valor e sacar adiante a súa familia.
Os seus 101 anos de vida atesouran grande experiencia vital caracterizada polo seu espírito loitador e a súa vontade de non se resignar ante as adversidades. A anciá de Mirón tivo tres fillas, catro netos e seis bisnetos.