Os cen anos de Cecilia
Por Redacción
Cecilia Martínez Pazos atesoura unha experiencia vital caracterizada por un espírito de superación, que lle serviu para fundar unha familia con tres fillas, catro netos e seis bisnetos e para chegar aos 100 anos. Cumpriunos este luns 23 de decembro e con motivo da celebración recibiu unha visita no seu domicilio de Mirón, na parroquia de Tourón, a visita do alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez.
Perfecto Rodríguez obsequiou a centenaria cun ramo de flores e conversou por espazo dunha hora. Segundo informou o Concello nun comunicado, durante a conversación, Cecilia Martínez relatou ao alcalde que quedou viúva moi nova de Benito Pazos. Caeu durante a Guerra Civil e ela, embarazada da súa terceira filla, tivo que armarse de valor e sacar adiante a súa familia.
Cecilia Martínez Pazos conserva todas as súas facultades mentais e é unha gran conversadora. Os seus cen anos de vida atesouran grande experiencia vital caracterizada polo seu espiritu loitador e a súa vontade de non se resignar ante as adversidades.
Dende o traballo e o sacrificio puido sacar adiante á súa familia, aínda que a falta de oportunidades en Galicia naqueles tempos fixo que as súas tres fillas tivesen que emigrar, unha cara a Brasil e as outras dúas cara ao País Vasco. Aínda que as tres sempre mantiveron o contacto coa súa nai e o desexo de regresar, que máis tarde se materializou.
O seu exemplo vital serviu de inspiración e acicate para as súas tres fillas (María, Rosa e Peregrina), catro netos (Manuel, Rosa, Pablo e Piar) e os seus seis bisnetos (María, Manuel, Miguel, Irene, Iago e Mariña) que manteñen un cariño entrañable á súa avoa e que agora, neste Nadal, actuará como grande anfitriona de toda a súa familia.