A Feira de Oportunidades e unha intensa programación de Nadal, bazas do comercio de Ponte Caldelas
Por Redacción
A nova edición da Feira de Oportunidades que organiza a asociación de comerciantes de Ponte Caldelas celebrarase a fin de semana do 31 de xaneiro e 1 de febreiro de 2015. Así se decidiu na Mesa Local de Comercio, na que participaron, entre outros, o alcalde Perfecto Rodríguez e a presidenta dos comerciantes do municipio, Gloria Suárez.
Os comerciantes trasladaron a idoneidade desta data ao considerar que encaixa perfectamente no calendario feiral e do comercio dos municipios próximos, co fin de conseguir que Ponte Caldelas se converta, nesa fin de semana, nun polo de atracción para que os consumidores poidan facer as compras de fin de tempada, visiten o municipio e acudan tamén aos distintos establecementos gastronómicos existentes na zona.
Por outra parte, os comerciantes aproveitaron a reunión para ultimar co alcalde os preparativos da campaña de Nadal que se levará a cabo en Ponte Caldelas. Así, obsequiarán con regalos, a través de sorteos ou premios directos, os seus clientes para fidelizar e agradecer a súa colaboración co comercio local, non só nestas datas tan entrañables senón ao longo de todo o ano.
Ademais, para ofrecer alternativas de ocio para os máis pequenos da casa e facilitar as compras de Nadal, os días 24, 27, 28 e 31 de decembro e 3 e 4 de xaneiro habilitarase a Ludoteca de Nadal no Centro Cultural, que estará operativa de 11 a 13 horas e de 17 a 19 horas todos estes días, agás o 24 e 31 que funcionarán só de mañá. Estas actividades son financiadas integramente polo Concello.
ACTIVIDADES PARA DESPEDIR O ANO
Outra das actividades que terá especial interese será a Festa Infantil de Fin de Ano anticipada que se celebrará o 31 de decembro, a partir das 12 do mediodía, na Alameda de Ponte Caldelas onde terá lugar actividades infantís e a toma das tradicionais uvas ao ritmo das badaladas do Centro Cultural.
Por outra parte, Papá Noel visitará a todos os nenos do municipio o mércores 24 de decembro, pola mañá entre as 11 e as 13 horas, no Centro Cultural onde descansará da súa viaxe e atenderá as peticións de nenos e nenas que desexen coñecer persoalmente o ancián chegado dende Laponia.
Finalmente, a tradicional Cabalgata de Reis terá lugar o domingo 4 de xaneiro, a partir das 18 horas, e nela participarán catro carrozas. En tres delas irán cada un dos Reis de Oriente, que repartirán abundantes caramelos entre aquelas persoas que se acheguen ata o centro urbano de ponte Caldelas para ver a chegada dos Reis Magos.
O Concello e COEMPO decidiron novamente adiantar a Cabalgata ao 4 de xaneiro polo éxito dos últimos dous anos nesa data. Ademais este ano coincide en domingo, sinalan.
Relacionadas:
-
A Feira do Verdugo converterá o pavillón de Ponte Caldelas nun macrocentro comercial a fin de semana
Por Redacción |
-
Os nenos, os primeiros en recibir o ano 2015 en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
O reloxo do Centro Cultural de Ponte Caldelas, listo para as badaladas de Fin de Ano
Por Redacción |
-
A 'árbore do Betis', os veciños bromean co Nadal verdibranco en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
As luces de Nadal en Ponte Caldelas son todas LED
Por Redacción |
-
O Venres tolo, a versión caldelana do Black Friday
Por Redacción |