A Feira do Verdugo converterá o pavillón de Ponte Caldelas nun macrocentro comercial a fin de semana
Por Redacción
A Feira do Verdugo chega á súa sétima edición a próxima fin de semana no pavillón de deportes de Ponte Caldelas. Será entre o sábado 31 de xaneiro e o domingo 1 de febreiro en horario de 10.00 a 21.00 horas ambos os dous días.
A feira está organizada pola Asociación de Comerciantes e Empresarios de Ponte Caldelas (COEMPO) en colaboración co Concello de Ponte Caldelas e converterá o pavillón nun macrocentro comercial urbano no que unha trintena de establecementos comerciais do municipio ofrecerán produtos a uns prezos moi rebaixados para a ocasión con descontos que irán dende o 20 ao 50%.
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, e á presidenta e o secretario de COEMPO, Gloria Suárez e Roberto Ricón presentaron a feira, que terá entrada totalmente gratuíta.
Na presente edición da Feira do Verdugo estarán presentes sectores tan distintos como o téxtil, calzado, enxoval, repostaría, maquinaria agrícola, sistemas de calefacción, deportes, pesca, caza, mascotas e mundo animal, disfraces, complementos, bixutería, froitaría, cosmética, perfumaría, videoxogos, etc.
Segundo informou o Concello, os produtos contarán con todas as garantías de calidade esixidas pola normativa española e europea en materia de dereitos do consumidor, coa vantaxe de que estarán a un prezo especial para facilitar a compra por parte dos miles de visitantes que se espera acudan a visitar os novos postos de COEMPO.