Condenan a 16 e 14 meses sen carné a dous condutores que ían borrachos e estragaron mobiliario urbano
Por Redacción
Dúas sentenzas por casos moi similares foron analizadas este luns polo goberno municipal. E en ambos os dous casos, trátase de condutores que, segundo eles mesmos recoñeceron no xuízo, conducían baixo os efectos de bebidas alcohólicas. Protagonizaron senllos accidentes de tráfico nas rúas Leonardo Enríquez e Cobián Roffignac que, se ben non provocaron danos persoais, si ocasionaron danos ao mobiliario urbano.
No primeiro dos casos, o accidente produciuse o pasado 17 de outubro. O condutor dunha furgoneta, ás 00.45 horas, derrubou dous dos morróns metálicos situados na rúa Leonardo Enríquez, un dos viais que rodea o Estadio de Pasarón. A Policía Local comprobou que circulaba baixo os efectos do alcohol e incoáronse as correspondentes dilixencias penais.
A sentenza do Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra condena este home como autor dun delito contra a seguridade vial a unha multa de catro meses, a razón de cinco euros diarios, e á privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores durante 14 meses. Ademais, en concepto de responsabilidade civil deberá aboar, el ou a súa aseguradora, a contía de 408,80 euros polos danos causados no mobiliario urbano.
Protagonizaron senllos accidentes de tráfico nas rúas Leonardo Enríquez e Cobián Roffignac
O segundo dos accidentes de tráfico tivo lugar o pasado 1 de novembro, ás 08.40 horas. Neste caso, o condutor, que tamén manexaba o seu vehículo baixo a influencia do alcohol, circulaba pola rúa Rouco cando golpeou un vehículo estacionado e, posteriormente, ao xirar cara a Cobián Roffignac, danou un dos pivotes de aceiro inoxidable que están instalados na zona. Os danos, neste caso, valoráronse en 70 euros.
Tras o xuízo, celebrado no Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra, este home foi condenado tamén como autor dun delito contra a seguridade vial a unha multa de seis meses, a razón de nove euros diarios, e á privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores durante 16 meses. Tamén terá que facerse cargo do custo de substitución do mobiliario urbano danado.