A Policía Local detén o condutor ebrio que fuxiu tras atropelar dous peóns
Por Oskar Viéitez
Axentes da Policía Local de Pontevedra detiveron este xoves un condutor que fuxiu despois de atropelar dúas persoas.
Segundo informaron dende a Comisaría local, o atropelo tivo lugar pola mañá na avenida de Fernández Ladreda fronte á Residencia da terceira idade de Campolongo. Os dous transeúntes sufriron feridos leves.
Varias testemuñas do accidente facilitaron aos axentes municipais a descrición do vehículo, un coche gris modelo familiar, así como a matrícula. Inmediatamente iniciáronse as investigacións para proceder á identificación do condutor fuxido, que foi localizado tres horas máis tarde.
Trátase dunha persoa con antecedentes que ao ser sometido á proba de alcoholemia deu un resultado positivo de 0,50 miligramos de alcohol por litro de aire expirado.
A Policía Local impútalle un delito contra a seguridade viaria ao conducir baixo os efectos do alcohol e estar implicado nun accidente con fuga con danos físicos ás persoas.