Detido un home sen permiso tras superar o límite velocidade e ir drogado e nun coche sen ITV nin seguro
Por Oskar Viéitez
Un veciño de Pontevedra, de 42 anos, foi detido este xoves pola Policía Local cando circulaba a gran velocidade pola avenida das Corbaceiras ás 23.30 horas.
Uns axentes de patrulla comprobaron como este condutor ía a unha velocidade inadecuada por este vial, superando amplamente o límite máximo, polo que procederon a darlle o alto.
Segundo informan dende a Comisaría de Pontevedra, a patrulla saíu en persecución do infractor e conseguiu darlle alcance na avenida Domingo Fontán onde os axentes tomaron os datos para identificar este condutor, comprobando que carecía de permiso de circulación porque non sacara nunca o carné. Ademais o turismo que conducía non dispoñía do seguro obrigatorio nin pasara a Inspección Técnica de Vehículos (ITV).
Os axentes procederon a inmobilizar o coche e trasladaron o home a Comisaría onde se lle someteu á proba do narco test que certificou que o condutor estaba baixo os efectos das drogas.