196.000 vivendas pontevedresas deberán adaptar as súas antenas para seguir vendo a TDT
Por Redacción
Novos cambios na TDT. Gran parte das vivendas pontevedresas deberán adaptar as instalacións da súa antena de televisión colectiva para poder seguir recibindo a oferta de canles da televisión española. Este cambio, que afectará a case 17.000 edificios e unhas 196.000 vivendas de toda a provincia de Pontevedra, vén provocado polo denominado proceso de liberación do Dividendo Dixital.
As canles de televisión, que emiten actualmente a través da banda 800 MHz, deberán cambiar de frecuencia para deixar espazo libre para as novas redes de telefonía móbil de alta velocidade 4 G. En caso de non realizar o cambio na antena, quedarían sen sinal aqueles edificios, xeralmente de tamaño medio ou grande, que contan co sistema coñecido como monocanais ou centrais programables.
Esta adaptación de instalacións afecta a uns 409.000 pontevedreses. O 55% restante da poboación só terán que resintonizar o seu televisor, a través do menú do seu mando, para buscar a nova situación das canles. Isto é debido a que habitan en vivendas unifamiliares -dotadas con antena individual que dispón de sistemas con amplificadores de banda ancha capaces de recibir todas as canles de televisión- ou en edificios de menor tamaño que tamén adoitan utilizar este sistema.
Este cambio de sistema de emisión implicará, unha vez máis, un custo económico para as comunidades de propietarios. Por iso, o Goberno puxo en marcha un plan de axudas que destinará aos fogares pontevedreses un total de 4,6 millóns de euros. A contía máxima destas axudas oscila entre os 100 euros para as actuacións en centrais programables e entre 150 e 550 euros no caso de actuación sobre amplificadores monocanal, segundo o equipamento adicional que se ten que instalar.
Para optar a estas axudas, as comunidades de propietarios dos edificios afectados teñen que chamar o antes posible a unha ou varias empresas instaladoras de telecomunicacións rexistradas en www.televisiondigital.es e solicitarlles un presuposto cos traballos a realizar e o detalle dos elementos que se vaian substituír. Unha vez finalizados, deberán solicitar un informe sobre os traballos realizados e a factura correspondente para poder reclamar a subvención.
Este proceso ten que realizarse antes do 1 de xaneiro de 2015, data na que xa todos os programas de televisión emitirán unicamente pola nova frecuencia asignada, e polo tanto os edificios que non tivesen adaptado a súa antena colectiva poderían perder algunhas canles de televisión.
26 DE OUTUBRO, DATA CLAVE
O próximo 26 de outubro, os programas de televisión comezarán a emitirse a través das novas frecuencias asignadas no Plan Técnico da TDT. Nese momento, todos os cidadáns, tanto os que viven en edificios afectados como os que non, terán que sintonizar os seus televisores para localizar as novas frecuencias nas que se emitirán a partir dese día os programas de televisión.
Habilitáronse os teléfonos 901 20 10 04 e 954 30 77 96 para resolver calquera dúbida. Así mesmo, na páxina web www.televisiondigital.es pódese encontrar toda a información sobre o proceso e sobre as actuacións específicas a realizar na súa vivenda de acordo á súa situación xeográfica.
Relacionadas:
-
O 31 de marzo conclúe definitivamente o proceso do Dividendo Dixital
Por Redacción |
-
Perdeches o sinal das cadeas da TDT? Toca resintonizar as vosas televisións
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas optimiza a resintonización da TDT
Por Redacción |
-
Así afecta o Dividendo Dixital aos nosos televisores: Fases e axudas para a adaptación de antenas
Por Redacción |
-
O 44% dos pontevedreses teñen que adaptar a súa antena colectiva
Por Redacción |