Perdeches o sinal das cadeas da TDT? Toca resintonizar as vosas televisións
Por Redacción
Gran parte dos espectadores da provincia de Pontevedra deberán volver sintonizar as súas televisións este luns 9 de febreiro. O Ministerio de Industria adiantou o coñecido como dividendo dixital nalgunhas zonas de Galicia, por motivos de coordinación con Portugal, e decidiu cambiar de frecuencia e recolocar varias das canles da TDT, xa que algúns centros emisores poden interferir cos servizos de telefonía móbil 4G.
Os veciños de municipios afectados deberán resintonizar os seus televisores co mando a distancia para poder recibir as canles de televisión nas frecuencias definitivas establecidas no Plan Técnico da TDT. Se deixasen de ver algunha canle e viven nun edificio con antena colectiva con amplificadores monocanal ou centrais programables ou se non tivesen realizado a adaptación, deben chamar un instalador rexistrado canto antes.
Unha vez adaptada a antena colectiva, os cidadáns poderán recibir as canles de televisión cuxa frecuencia foi modificada e as novas canles de televisión que está previsto poñer en servizo no futuro segundo o novo plan técnico da TDT.
Nas vivendas unifamiliares e en edificios de pequeno tamaño dotados con instalacións de banda ancha, non é necesario realizar adaptacións nas antenas e, polo tanto, se os cidadáns resintonizaron o seu televisor co mando a distancia o pasado 26 de outubro, poderán seguir recibindo todas as canles. Se non resintonizaron nesa data nin posteriormente, deben facelo canto antes.
Os cidadáns teñen de prazo ata o 30 de xuño de 2015 para solicitar as axudas que puxo en marcha o Goberno, que están dotadas con 280 millóns de euros, para que as comunidades de propietarios realicen as accións derivadas do proceso de liberación do Dividendo Dixital.
Poden solicitar esta subvención as comunidades de propietarios suxeitas ao réxime de propiedade horizontal que conten nos seus edificios con instalacións de antenas colectivas de recepción de televisión con central programable ou amplificadores monocanal, e realizaranse a través da plataforma online de Red.es dispoñible en https://ayudas.televisiondigital.gob.es.
BENEFICIOS DO DIVIDENDO DIXITAL
A liberación do Dividendo Dixital en España, segundo o Goberno, supoñerá importantes beneficios económicos e sociais para a cidadanía, xa que a tecnoloxía 4G sobre a banda de 800 MHz implica un incremento dos servizos de datos móbiles de alta velocidade cun mellor servizo nos interiores dos edificios e unha maior cobertura xeográfica que reducirá a chamada "brecha dixital".
Por outro lado, o mellor aproveitamento das frecuencias favorece a chegada de novas canles de televisión, e a emisión nestes de contidos en Alta Definición.
Relacionadas:
-
O 31 de marzo conclúe definitivamente o proceso do Dividendo Dixital
Por Redacción |
-
Apágase a antena de Domaio por motivos de coordinación internacional
Por Oskar Viéitez |
-
Así afecta o Dividendo Dixital aos nosos televisores: Fases e axudas para a adaptación de antenas
Por Redacción |
-
196.000 vivendas pontevedresas deberán adaptar as súas antenas para seguir vendo a TDT
Por Redacción |