O PSOE reclama axudas para as mariscadoras de Pontevedra, Praceres e Raxó pola marea vermella
Por Redacción
O PSdeG-PSOE levou ao Parlamento de Galicia a situación das 400 mariscadoras das confrarías de Raxó, Pontevedra e Praceres-Lourizán afectadas pola marea vermella, a baixada dos prezos e a crise e reclaman á Xunta axudas para reparar as consecuencias ocasionadas polos paros de faena que padeceron nos últimos meses.
A deputada socialista pontevedresa Patricia Vilán presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca na que reclamou que o Goberno autonómico atenda as demandas das mariscadoras das confrarías da Ría de Pontevedra e habilite as axudas previstas no Real Decreto 1.541/11, de 31 de outubro, para os paros forzosos por problemas de saúde pública.
Vilán considera "un insulto indecente" que a Xunta denegue as axudas por non considerar os paros causa de forza maior, mentres a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, "se limita a afirmar que en determinadas épocas do ano é difícil subsistir, por iso hai que facer as contas a final de ano".
Ao respecto, a deputada pontevedresa indica que as mariscadoras a pé percibiron unha media de 1.300 euros de ingresos totais entre xaneiro e marzo de 2014, 260 euros ao mes durante cinco meses, e a partir de aí ata setembro tan só puideron traballar 44 días dun total de 90 hábiles debido ao peche decretado polo goberno galego. Considera que son uns beneficios "miserables" porque se viron afectadas "pola crise, as baixas de prezos, a presión administrativa, a contaminación, os furtivos e, agora, a toxina".
Relacionadas:
-
Uns furtivos afunden o seu propio barco en Carril ante a presenza do servizo de Gardacostas
Por Redacción |
-
Baixos prezos para a ameixa despois de tres semanas sen marisqueo
Por Redacción |
-
Toda a Ría de Pontevedra, pechada pola marea vermella
Por Redacción |
-
Máis de 300 mariscadoras piden axudas pola falta de actividade ante a marea vermella
Por Redacción |