Máis de 300 mariscadoras piden axudas pola falta de actividade ante a marea vermella
Por Redacción
A situación que atravesa o fondo da ría de Pontevedra debido á presenza da marea vermella provocou que máis de trescentas mariscadoras das confrarías de Pontevedra, Raxó e Praceres-Lourizán presentasen unha solicitude de prestacións ante a Xunta de Galicia.
O tema foi tratado este mércores 9 de xullo na comisión parlamentaria na que a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, indicou que xa se aprobaron 209 axudas, están pendentes de resolución 87 solicitudes e se denegaron 24. O tema tratouse ao presentar unha pregunta parlamentaria a deputada do PSdeG, Patricia Vilán, que denunciaba que as mariscadoras levan sen poder traballar dende o 4 de abril e están a cobrar ao redor de 260 euros brutos durante os últimos cinco meses.
Susana Rodríguez respondeu que entre xaneiro e marzo, os ingresos medios das mariscadoras da pé se situaron entorno aos 400 euros ao mes.
Dende o Partido Socialista lamentan que as mariscadoras teñan que estar a facer fronte á crise cunhas percepcións económicas tan baixas e, ao mesmo tempo, ter que estar a facer fronte á proliferación dos furtivos na ría e á aparición da biotoxina.