Pontevedra di 'NON' ao Sergas: o Concello non asumirá a urbanización de Monte Carrasco
Por Alejandro Espiño
Primeiro foi de palabra e agora reitérano por escrito. O Concello de Pontevedra non ten previsto asumir os custos de urbanización e dotación de servizos para o proxectado hospital de Monte Carrasco. Así se recolle nun escrito dirixido á Xunta de Galicia, que dá contestación ao borrador de convenio entre as consellerías de Sanidade e Medio Ambiente e o propio Concello, que o goberno autonómico remitiu o pasado 30 de xullo.
Nel, o Sergas propoñía que o Concello executase todas as infraestruturas urbanísticas necesarias para a construción do novo hospital, entre elas, as correspondentes redes de electricidade, auga, gas, fibra óptica ou saneamento. Un custo "bárbaro", afirmou o concelleiro de Ordenación do Territorio, César Mosquera, que asegura "afecta á viabilidade de todo o proxecto". Segundo os cálculos municipais, o investimento alcanzaría os 60 millóns de euros.
Entre os motivos que esgrime o Concello de Pontevedra para negarse á firma deste convenio, destacan as alegacións presentadas no seu día ao proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do novo hospital, nas que se cuestionaban frontalmente as propostas de rede viaria, accesibilidade e conectividade. Ademais, chamábase a atención aos grandes defectos relativos ás redes de servizos e ao estudo de viabilidade económica.
Esta proposta de convenio non se axustaría, segundo o goberno municipal, ao devandito plan sectorial. Nel recóllese, textualmente, que será a administración autonómica "a que garante a viabilidade económica" de Monte Carrasco. No informe apúntase, ademais, a existencia dun acordo plenario de decembro de 2009, no que Pontevedra manifestou a súa decisión de non colaborar co financiamento deste hospital; e recórdase que en virtude da nova lei de réxime local o Concello de Pontevedra carece de competencias en materia sanitaria.
Ante esta situación, César Mosquera mostrou o seu convencemento de que con este movemento a Xunta de Galicia "busca unha escusa" para non construír o novo hospital. Asegura que, dende 2004, todos os gobernos autonómicos "non fixeron máis que marear con este asunto" e por iso retou aos actuais dirixentes do Sergas a que recoñezan que "non hai cartos, que non o van a facer e que consideran que Pontevedra está suficientemente cuberta".
Relacionadas:
-
Agustín Fernández invita á Xunta de Galicia a retomar as obras sanitarias en Pontevedra "agora que o Sergas é rico"
Por Redacción |
-
Louro di que resulta "evidente" que o Hospital de Monte Carrasco nunca estivo nos plans do PP
Por Redacción |
-
Sanidade 'desbloquea' o novo hospital instando ao Concello a que asuma a urbanización de Monte Carrasco
Por Alejandro Espiño |
-
Sanidade evita poñer data ao Hospital de Monte Carrasco ata resolver o financiamento
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |