Sanidade evita poñer data ao Hospital de Monte Carrasco ata resolver o financiamento
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Xunta de Galicia aínda non solucionou o problema de financiamento para poder acometer a construción do futuro hospital de Monte Carrasco.
Sanidade pretende executar esta obra mediante un financiamento público-privado, pero por agora non encontrou un investidor interesado.
A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, afirmou este mércores en Pontevedra que "seguimos a traballar na financiación e nos proxectos, esperemos que en breve podamos ter algunha noticia e podamos ver qué podemos facer".
Os últimos datos ofrecidos pola Xunta neste sentido, eran que o Hospital de Monte Carrasco se licitaría cun presuposto inicial de 228,9 millóns de euros, cifra que inclúe as expropiacións dos 226.888 metros cadrados de terreo necesarios.
O que xa é imposible é cumprir co compromiso inicial de execución deste centro sanitario, o proxecto sectorial e o informe ambiental anunciaban o remate das obras para 2016, incluíndo todas as previsións urbanísticas, sanitarias, de servizos, de rede viaria e conexións.
En todo caso a conselleira reiterou que "si seguimos co compromiso de ter un hospital único en Pontevedra e que responda, o mesmo que estamos a facer en Vigo e Ourense, aos mayores niveis de calidade e na estructura e no novo diseño do novo hospital".
Rocío Mosquera insistiu nesta intención do executivo de Núñez Feijóo, porque sinalou que "creemos que hai que facelo, estamos comprometidos con facelo e estamos a traballar para conseguilo".