Sanidade 'desbloquea' o novo hospital instando ao Concello a que asuma a urbanización de Monte Carrasco
Por Alejandro Espiño
A Xunta insiste. O Concello de Pontevedra debe asumir o custo da urbanización e a dotación de servizos para o proxectado hospital de Monte Carrasco. Así se reitera nun borrador de convenio remitido pola xerencia do Servizo Galego de Saúde ao goberno municipal. Unha comunicación "sorprendente", segundo o concelleiro de Infraestructuras, César Mosquera, porque "non houbo ningún tipo de conversas previas".
No convenio, o Sergas propón que o Concello de Pontevedra asuma a execución de todas as infraestruturas urbanísticas necesarias para a construción do novo hospital, entre elas dotar a Monte Carrasco das correspondentes redes de electricidade, auga, gas, fibra óptica ou saneamento "en contra do que estaba por escrito no Plan Sectorial", apunta Mosquera. Todo iso cifrado, segundo o goberno municipal, en máis de 40 millóns de euros.
Trátase dunha cantidade "inasumible" para as arcas municipais, indicou o edil nacionalista, quen explicou que só a conexión eléctrica se elevaría ata os 8 millóns de euros. De aí que a resposta ao Sergas vaia ser negativa. "Se hai tempo, si", afirmou Mosquera preguntado se o Concello contestará formalmente á petición de Sanidade, porque entende que as posturas "xa están ben claras".
No texto de convenio, no que se suma tamén a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que se compromete a executar as obras necesarias para garantir os accesos ao hospital, o Sergas asume elaborar o proxecto de construción e executar as obras "a través do procedemento que considere máis axeitado". Ademais, accede a xestionar as expropiacións dos terreos de Monte Carrasco.
Xunto coa urbanización e a dotación de servizos, o Concello de Pontevedra estaría obrigado, de aceptar este convenio, a realizar todas as actuacións necesarias para dotar ao hospital dos servizos públicos relacionados con este, como levar unha liña de transporte público ata o hospital ou a recollida de lixos. Todo iso analizaríase nunha comisión de seguimento que tería que reunirse de forma periódica.
O CONVENIO ÿ UNHA "NOTA DE PRENSA POLÍTICA", SEGUNDO MOSQUERA
Mosquera lamenta que a Xunta "se descolgue" agora pedindo esta colaboración do Concello a través dun convenio cualificado como "nota de prensa política" porque asegura que "está cheo de imprecisións". O Sergas apela ás competencias municipais en materia sanitaria, que o responsable de Ordenación do Territorio recorda son "ningunha".
O goberno municipal entende que esta postura "supón claramente" que a Xunta que preside Alberto Núñez Feijóo "non ten ningunha posibilidade de levar adiante ou hospital e quere perder un pouco de tempo máis". César Mosquera insiste en que "a menos que a empresa privada teña un interese enorme" o hospital de Monte Carrasco non se construirá xamais e, dende logo, non con financiamento por parte do Concello de Pontevedra.
Neste sentido, lamentou que a Xunta rompese "unilateralmente" o acordo para a ampliación de Montecelo e o Hospital Provincial, obras para as que o Concello de Pontevedra comprometera un investimento de 4 millóns de euros que, de terse mantido, supoñería que a capital da provincia xa contaría a estas alturas cun hospital único "en condicións".
Relacionadas:
-
Louro di que resulta "evidente" que o Hospital de Monte Carrasco nunca estivo nos plans do PP
Por Redacción |
-
Pontevedra di 'NON' ao Sergas: o Concello non asumirá a urbanización de Monte Carrasco
Por Alejandro Espiño |
-
Sanidade evita poñer data ao Hospital de Monte Carrasco ata resolver o financiamento
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os comuneiros de Mourente reclaman a titularidade dos terreos que ocupa o Hospital Montecelo
Por Redacción |