Folga en Treves, un piquete por quendas a pé de fábrica
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Unha pancarta na que se le "Por un convenio digno e con futuro" cobre o enreixado de entrada á fábrica de Trèves no Polígono do Campiño. Un grupo de trinta mozos traballadores encóntranse nos arredores da factoría entre palés e bidóns nos que se prenden cacharelas para pasar menos frío durante a noite. Ao mediodía, pola contra, os gorros e os paraugas repártense para evitar os efectos do sol e xa teñen previsto montar un refuxio sobre a beirarrúa onde facer a garda. Están preparados para aguantar os días de folga que sexan necesarios para defender os seus dereitos na firma do convenio colectivo.
Os traballadores que forman parte do piquete organízanse polas mesmas quendas que teñen de traballo na fábrica, indica David Couñago, presidente do comité de empresa. Na primeira xornada da folga indefinida iniciada ás 6.00 horas deste mércores 24 non se produciron incidentes. "A nave está totalmente paralizada" indica Couñago, "nin sequera viñeron os das oficinas de administración".
Este xoves 25 volverán reunirse coa empresa e a mediadora do Consello Galego de Relacións Laborais (AGA) na sede da Inspección de Traballo en Vigo. A reunión mantida durante máis de cinco horas na tarde do mércores non prosperou e as posicións das dúas partes continúan moi distanciadas. Os encontros coa intervención da mediadora van seguir desenvolvéndose en Vigo porque a Xunta de Galicia non lles permitiu mantelos no edificio administrativo de Campolongo. "Parece mentira que en Pontevedra non haxa un lugar onde poder levar unha negociación deste tipo" afirma David Couñago, da CIG.
Os traballadores temen que a negociación poida alongarse no tempo porque a empresa conta con varios días de stock de produción. "Poden aguantar catro ou cinco días", sinala o presidente do comité e un compañeiro afirma "van xogar co desgaste pero estamos preparados".
Na planta de Trèves traballan 159 empregados que realizan material para o interior de vehículos que se fabrican na factoría de PSA Peugeot Citroën de Vigo. Os representantes sindicais reclaman para o novo convenio colectivo un incremento salarial, unha mellora na regulación dos descansos e unha maior carga de traballo que evite novas reducións de persoal.
Relacionadas:
-
Acordo en Treves para finalizar a folga despois de negociar durante toda a noite
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Retoman as negociacións en Treves cando xa se levan 13 días de folga
Por Anxo Lourido |
-
Os traballadores de Treves reclaman á Xunta que esixa á empresa máis carga de traballo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
Achéganse posturas en Treves pero a folga continúa
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O distanciamento entre a dirección e os traballadores de Treves estende a folga ata a próxima semana
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Comeza a folga indefinida en Treves ao non prosperar a mediación
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O persoal de Treves inicia unha folga indefinida o mércores 24 ante a falta de acordo salarial
Por Anxo Lourido |