O Grupo Brea reduce a dous o número de despedimentos previsto no concesionario Catova de Mourente
Por Anxo Lourido
O grupo Brea presentou na mañá deste martes en Santiago de Compostela o plan de redución de emprego aos representantes sindicais e anunciou que no concesionario de Catova en Mourente só teñen previsto levar a cabo dous despedimentos do equipo formado por 17 traballadores.
Os sindicatos UGT e CIG acudiron a este encontro no que a empresa trasladou a documentación requirida sobre as cifras de negocio que levan á entidade a adoptar esta decisión. O seguinte encontro nesta negociación levarase a cabo na tarde do próximo luns 22 e os representantes sindicais, segundo manifestou Ramón Vidal de UGT, intentarán evitar os despedimentos e, en todo caso, obter as mellores condicións para os traballadores que se viran afectados.
Neste sentido, a empresa veu reducindo as súas pretensións de despedimentos dende que anunciou as súas intencións de rebaixar o número de empregados. O grupo Brea garantiu tamén nesta reunión, que se realiza en Santiago porque se está a negociar a situación do grupo en toda Galicia, a súa intención de manter a actividade do concesionario de Mourente.