As dúas ambulancias que retirou o guindastre levaban medicamentos caducados e estaban catalogadas como furgoneta
Por Natalia Puga
As dúas ambulancias da empresa BDM inmobilizadas o mércores 6 de agosto pola Policía Local de Pontevedra e trasladadas ao depósito do guindastre durante dous días presentaban graves problemas técnico- sanitarios, moi similares nos dous casos, e foron denunciadas pola vía administrativa.
Segundo informou a Policía Local, unha delas foi localizada cando circulaba pola rúa Fernández Ladreda en dirección a Alcalde Hevia facendo un servizo de trasporte sanitario ao levar unha persoa dende Meis para o seu traslado a un centro de rehabilitación. Máis tarde, foi localizada a outra, xa na praza de Barcelos, pero sen transportar a ninguén.
No caso da ambulancia localizada en Fernández Ladreda, os policías pedíronlle ao condutor e único traballador da empersa a documentación oportuna, pero presentou só unha fotocopia da ficha de características técnicas. Nela constaba que a ITV estaba caducada e o libro de rexistro de inspección técnico-sanitaria tiña algúns dos seus elementos falsificados.
Logo de detectar estas irregularidades, os axentes fixeron unha inspección na que se constataron anomalías en canto ao equipamento sanitario e dotación obrigada polo Real Decreto 836/2012, tales como carecer de rexistro de desinfeccións do habitáculo e do equipamento e con medicamentos e agullas caducados, algún deles dende hai anos.
Ademais, comprobouse que o vehículo aparece catalogado como furgoneta para uso particular, sen que faga referencia á prestación de servizos como ambulancia, transporte sanitario ou que preste servizo público. Neste punto, ten anotada unha incidencia dende o ano 2011 pola que ten prohibida a circulación.
Entre outras irregularidades, non presentaba permiso de circulación, tiña a ITV caducada, non tiña tarxeta de transporte de ningunha clase para o transporte sanitario e o libro de Inspección Técnico Sanitario e o libro de reclamacións aparecían falsificados (o orixinal correspondía a outro vehículo).
Na outra ambulancia as irregularidades son moi similiares, de aí que fosen trasladadas ambas ao depósito municipal do guindastre, onde permaneceron ata que o venres foron retiradas a bordo dun camión, pois non tiñan aínda solventadas as irregularidades que lle impiden circular.
Relacionadas:
-
Denuncian que as ambulancias ilegais de BDM son usadas agora na Lama e en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
A CIG denuncia que as ambulancias con medicamentos caducados si facían servizos de Urxencias
Por Natalia Puga |
-
Adeslas non tomará medidas contra a empresa das ambulancias denunciadas ata que se resolva o expediente
Por Natalia Puga |
-
Voltarén, Adrenalina e Valium fóra de data nunha ambulancia que facía un servizo para Adeslas
Por Natalia Puga |
-
O guindastre leva dúas ambulancias por presuntas irregularidades
Por Redacción |