A CIG denuncia que as ambulancias con medicamentos caducados si facían servizos de Urxencias
Por Natalia Puga
O sindicato CIG sacou á luz documentación coa que quere acreditar que a empresa BDM, propietaria das dúas ambulancias denunciadas pola Policía Local de Pontevedra por graves problemas técnico-sanitarios, si realiza servizos de Urxencias para a compañía de seguros médicos Adeslas. Esta aseguradora asegurou a PontevedraViva que BDM só fai para eles traslados a centros de rehabilitación ou a centros médicos de pacientes non urxentes, pero o sindicalista Xabier Aboi desmente esa información e responde que si realiza eses servizos á unidades de Urxencias de distintos centros da provincia de Pontevedra, entre eles algún da cidade do Lérez.
"Hai partes que levan o selo", asegura Aboi, facendo referencia a documentos aos que tivo acceso o seu sindicato sobre a actividade da empresa. Este ano 2014 realizou servizos, aínda que si recoñece que dende que se realizou a citada denuncia da Policía Local non teñen constancia de que se repetisen.
Dende entón, BDM si segue traballando para Adeslas, pero non coas dúas ambulancias denunciadas, senón con outros vehículos. De feito, o representante de CIG mesmo refire algún traslado a un centro de rehabilitación realizado con furgonetas legais ou cun vehículo monovolume. Consciente da gravidade das acusacións que realiza, asume que "estamos dispostos a que se nos denuncie no xulgado" se alguén se dá por aludido e quere desmentilo.
Xabier Aboi denuncia que a empresa BMD mantén aos traballadores en condicións "de escravismo"
Aboi realiza graves acusacións contra a actividade desta empresa con sede en Soutomaior e anuncia que os servizos xurídicos do sindicato están a estudar a posibilidade de denuncialas xudicialmente. Xa só polas irregularidades detectadas pola Policía Local entende que os responsables da empresa (nunca os traballadores) poderían ser autores dun delito contra a saúde pública e outro de falsidade documental, pois as dúas ambulancias que pararon e revisaron aparecían catalogadas como furgonetas para uso particular e tenín o libro de Inspección Técnico Sanitario e o libro de reclamacións aparecían falsificados (o orixinal correspondía a outro vehículo). Ademais, tiñan unha longa lista de medicamentos e agullas caducados: "non había un que estivera legal".
Á CIG non lle treme a man en denunciar publicamente a situación, pero aínda non decidiu se acode ao xulgado porque Aboi asegura que o sindicato está canso de "ser o Robin Hood destes temas", denunciar conflitos laborais e situacións supostamente irregulares e que todo remate arquivado, como aconteceu recentemente cunha denuncia por falsificación de saciones a traballadores dun piquete.
Amosa a súa sorpresa pola actitude da Consellería de Sanidade, que non actuou para poñer freo a estas presuntas anomalías
O sindicato refire malas prácticas de BDM a nivel empresarial "porque fundía o mercado con prezos moi competitivos" e a nivel laboral con condicións "de escravismo" para os seus traballadores. Así, denuncian que un dos empregados teñen unha nómina de 320 euros ao mes con xornada laboral completa e que todo o persoal ten quendas diarias de 12 horas e, cada tres semanas, unha quenda de 72 horas seguidas. Todo iso sen case vacacións, sen que se lle entreguen as nóminas e sen pagamento de horas extra ou roupa de seguridade. Ao respecto, Aboi asegura que existe unha denuncia ante a Inspección de Traballo do 12 de maio á que "ata agora non hai contestación".
Na súa opinión, a empresa pode manter estas supostas irregularidades porque existe un apoio encuberto do PP, pois ademais de traballar para Adeslas fai servizos para o Celta de Vigo nos partidos do estadio de Balaidos e atende competicións deportivas de concellos de toda a provincia, todos coa mesma cor política. Aboi pregúntase se "están tapando servizos ao partido" e mostra a súa sorpresa pola actitude da Consellería de Sanidade, que non actuou para poñer freo a estas presuntas anomalías.
Relacionadas:
-
Denuncian que as ambulancias ilegais de BDM son usadas agora na Lama e en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
A CIG alerta da presenza de 'fondos voitre' ao axexo do contrato das ambulancias
Por Oskar Viéitez |
-
Adeslas non tomará medidas contra a empresa das ambulancias denunciadas ata que se resolva o expediente
Por Natalia Puga |
-
Voltarén, Adrenalina e Valium fóra de data nunha ambulancia que facía un servizo para Adeslas
Por Natalia Puga |
-
As ambulancias que retirou o guindastre tiñan medicinas caducadas e non podían facer transporte sanitario
Por Natalia Puga |
-
O guindastre leva dúas ambulancias por presuntas irregularidades
Por Redacción |