Adeslas non tomará medidas contra a empresa das ambulancias denunciadas ata que se resolva o expediente
Por Natalia Puga
A compañía de seguros médicos Adeslas solicitou á empresa BDM, á que o 6 de agosto a Policía Local de Pontevedra denunciou dúas ambulancias por varias irregularidades técnico-sanitarias, toda a documentación relativa aos vehículos cuestionados e a toda a súa frota de ambulancias e explica que cando contratou os servizos da empresa o fixo coa convicción de que cumpría todos os requisitos legais para prestalos.
Fontes da compañía de seguros explican que tras ter constancia da denuncia se puxo en contacto coa empresa para pedir explicacións e os responsables desta lle indicaron que xa iniciaran os trámites para aclarar o sucedido. Ao respecto, dende Adeslas recordan que as supostas irregularidades detectadas están a ser obxecto dun expediente e estudo administrativo e descartan adoptar calquera decisión relativa á súa relación contractual ata que se resolva.
Ademais, insiste en que BDM nunca realizou servizos de Urxencias nin atencións médicas de emerxencias para ningún dos pacientes de Adeslas, senón que só lle contratan servizos de traslado a centros de rehabilitación ou transporte a centros sanitarios para consultas, pero sen que se dea a circunstancia de que as persoas que utilizan a ambulancia necesiten atención médica durante o traslado.
Así, indican que en toda Galicia traballan con varias empresas de transporte sanitario e que a Urxencias as contratan sempre á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061. Con BDM traballan nas áreas sanitarias de Pontevedra e Vigo e continúan contratando os seus servizos aínda despois de ter constancia das denuncias porque non hai ningunha irregularidade constatada xa en firme.
Dous ex traballadores teñen denunciada a BDM polas condicións laborais
Por outro lado, fontes consultadas sinalan que esta empresa xa recibiu en reiteradas ocasións queixas dos usuarios polo estado das ambulancias nas que se realizan os traslados e polos atrasos no servizo, pero nunca pola atención recibida por parte do persoal. Ademais de prestar este servizo para Adeslas a empresa encárgase de tarefas como a asistencia durante os partidos do Celta de Vigo no estadio de Balaídos e do Celta B e tamén acode a eventos organizados por distintos concellos como Soutomaior, onde un dos responsables está á fronte da agrupación de voluntarios de Protección Civil.
Tamén tivo problemas laborais e, de feito, polo menos dous ex traballadores consultados por PontevedraViva e que prefiren manter o anonimato teñen denunciada a BDM por incumprimento contractual, non pagamento de salarios, suposto despedimento improcedente e polas condicións laborais que o encargado impón ao equipo.
Ao respecto, cuestionan que non lles aboa o diñeiro acordado e que se axusta ao traballo que realizan por convenio e que lles impón xornadas laborais de doce horas diarias e gardas de tres días sen contraprestacións e facéndoos acumular niveis de cansazo "inaguantables". Ademais, corroboran que as supostas irregularidades denunciadas pola Policía Local son constantantes en todos os vehículos da empresa, entre elas, que nalgúns servizos onde se requiriría a presenza de dúas persoas no vehículo van un só.
Relacionadas:
-
A CIG denuncia que as ambulancias con medicamentos caducados si facían servizos de Urxencias
Por Natalia Puga |
-
Voltarén, Adrenalina e Valium fóra de data nunha ambulancia que facía un servizo para Adeslas
Por Natalia Puga |
-
As ambulancias que retirou o guindastre tiñan medicinas caducadas e non podían facer transporte sanitario
Por Natalia Puga |
-
O guindastre leva dúas ambulancias por presuntas irregularidades
Por Redacción |