Os veciños de Estribela ingresan máis de 110.000 euros polas subvencións da Área de Rehabilitación Integral
Por Redacción
Este mes de xuño chegou co boas novas para os veciños de Estribela. O Concello de Pontevedra está a realizar os pagos correspondentes ás fases cuarta e quinta da Área de Rehabilitación Integral das vivendas do barrio pontevedrés.
O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, destaca que a cuarta fase queda xa definitivamente pechada. Pola súa banda, a quinta fase botou a andar formalmente co ingreso nas contas dos veciños das subvencións correspondentes ás primeiras obras executadas.
Un total de 12 veciños da cuarta fase beneficiáronse co ingreso de 50.540 euros, o que permitiu distintas actuacións rehabilitadoras en varios edificios da avenida de Montero Rìos e da rúas da Comboa.
O comezo da quinta fase da ARI de Estribela céntrase, polo momento, en oito vivendas situadas nas avenidas de Montero Ríos e Marqués de Valterra e as rúas de Senén Sobral e da Pedralonga. A quinta fase botou a andar no ano 2012 e ten prevista a realización dun total de 40 actuacións.
De acordo coas bases aprobadas polo Concello, as axudas para os beneficiarios son a fondo perdido e cobren ata un 75% do orzamento protexible. O tope máximo que pode cobrar cada beneficiario é de 10.000 euros.
A ARI de Estribela, que abrangue un núcleo de 481 vivendas, foi declarada o 3 de maio de 2007. Dende entón executáronse as fases primeira (2007-2010), segunda (2009-2011), terceira (2010-2012) e cuarta (2011-2014). En cada unha delas acometéronse 100, 69, 23 e 27 obras de rehabilitación en edificios e vivendas, respectivamente.
Antón Louro confía en que a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento axilicen o desenvolvemento do novo Plan de Vivenda para traducilo na posta en marcha, con novos fondos, da sexta fase en Estribela e a estrea da nova ARI do Centro Histórico de Pontevedra, pois dende 2012 non se teñen producido novas achegas para este programa de rehabilitación.
Relacionadas:
-
O Concello propón rehabilitar 67 vivendas e investir 658.000 euros na nova fase do ARI de Estribela
Por Redacción |
-
Máis preto da nova fase do ARI de Estribela, pero sen noticias do centro histórico
Por Redacción |
-
Conta atrás para a retirada da pasarela peonil de Estribela e o "cambio de cara" de Marqués de Valterra
Por Alejandro Espiño |