Conta atrás para a retirada da pasarela peonil de Estribela e o "cambio de cara" de Marqués de Valterra
Por Alejandro Espiño
O ámbito da praza Marqués de Valterra é unha das zonas "máis perigosas" do Concello de Pontevedra en materia de seguridade vial, segundo o concelleiro Demetrio Gómez Junquera. Iso é o que espera cambiar o goberno municipal coas obras de reforma urbana que comezarán o próximo luns. Investiranse uns 140.000 euros nunha serie de melloras da accesibilidade que culminarán co derrubamento da actual pasarela peonil.
O proxecto, consensuado cos veciños no marco do Consello Parroquial de Lourizán, constará de dúas fases. Ademais da actuación para derrubar a pasarela peonil instalada na praza, reorganizarase todo este ámbito con medidas de calmado do tráfico e mellora da seguridade vial. "Son obras diferentes, pero necesitamos executalas xuntas", sinalou Demetrio Gómez, porque "sen pasarela os peóns teñen que pasar por algún lado".
A actual pasarela, que se encontra nun pésimo estado de conversación, retirarase " porque converte aquilo que ten que ser unha rúa, nunha estrada" e o goberno municipal entende que favorece a circulación dos vehículos a unha velocidade excesiva fronte ao tránsito peonil. Neste sentido, recordou que é todo o contrario ao que se aposta por facer no centro urbano da cidade.
Esta actuación implica toda unha reordenación do tránsito peonil. Crearanse novos percorridos para os peóns na praza Marqués de Valterra, instalaranse dous 'lombos' para calmar o tráfico na zona onde se elimina a pasarela, recolocaranse os colectores da zona e melloraranse as beirarrúas de todo este ámbito.
Ademais, ao retirarse o valo de protección que separa a praza da Avenida de Marín gañará espazo para aparcadoiro de vehículos, "que xa obrigará a que os coches vaian máis despacio". Unha serie de actuacións para mellorar a iluminación pública, actualmente con farois altos para favorecer a visión dos condutores, e instalar unha nova iluminación para a praza, a zona de xogos e o parque infantil, completarán esta reforma urbana.
Trátase, en definitiva, "de dar un cambio de cara a toda a praza", segundo Demetrio Gómez. O Concello de Pontevedra non se marca prazos para executar estes traballos, xa que dependerán das condicións meteorolóxicas. "Estaremos o tempo que faga falta para que quede ben", concluíu.
Relacionadas:
-
A reforma de Marqués de Valterra encara a súa fase final
Por Redacción |
-
A instalación de 'lombos' en Estribela provocará restricións de tráfico o martes
Por Redacción |
-
A colocación de pasos elevados en Estribela afectará este martes ao tráfico rodado
Por Redacción |
-
Onde se anunciarán agora as vodas?
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
O xoves pola noite comeza a desmontarse a pasarela peonil de Estribela
Por Redacción |
-
O modelo urbano esténdese a Estribela
Por Natalia Puga |
-
Os veciños de Estribela ingresan máis de 110.000 euros polas subvencións da Área de Rehabilitación Integral
Por Redacción |
-
Alertan da perigosidade do estado actual da pasarela peonil de Estribela
Por Redacción |