O fiscal rebaixa de seis a cinco anos a petición de condena para Jorge Durán por tráfico de drogas
Por Natalia Puga
O fiscal decidiu rebaixar de seis a cinco anos a súa petición de prisión para José Jorge Durán Piñeiro, coñecido por ser durante anos parella de Rosa Charlín (sobriña do patriarca do clan de Los Charlines), por un delito de tráfico de drogas polo que foi xulgado na Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra xunto a outros tres acusados. A vista oral comezou en abril e retomouse este xoves coa declaración dunha perito. Rematada a práctica de toda a proba, o representante do Ministerio Público optou por modificar as súas conclusións iniciais.
O fiscal pedía inicialmente seis anos de prisión e unha multa de 34.940 euros para Jorge Durán e o acusado Ricardo Paz Fernández e cinco anos e seis meses para David Pérez Calo e Antonio Rodríguez Franco. Argumentado, entre outras cuestións, unha reforma lexislativa, decidiu pedir para os dous principais procesados cinco anos de cárcere e reducir aínda máis a petición para os dous restantes: catro anos e nove meses para Antonio Rodríguez e dous anos e seis meses para David Pérez.
Nas súas conclusións finais, o fiscal insistiu en que considera probados os feitos que se atribúe aos catro sobre a base de seguimentos policiais, escoitas telefónicas e as probas recollidas nas entradas e rexistros dos seus domicilios e vehículos.
Os catro están procesados por traficar con drogas en distintos puntos de Arousa e a provincia de Pontevedra, en Barreiros (Lugo) e en Ponferrada (León) e durante a primeira sesión do xuízo todos desvinculáronse do relato dos feitos que mantén o fiscal. Dous deles recoñeceron que cultivaban na súa casa marihuana: David Pérezpara autoconsumo xunto ao seu pai e Antonio Rodríguez para el mesmo. Ricardo Paz, detido na peaxe da autoestrada de Ordes (ACoruña) en posesión de 250 gramos de cocaína, exculpou os outros tres procesados. Jorge Durán, pola súa banda, negou calquera vinculación coa droga.
A Garda Civil realizou unha serie de seguimentos e picadas telefónicas nas que se basea o fiscal, e que sitúan a Jorge Durán como subministrador de cocaína de Ricardo Paz. Sostén, ademais, que cando detiveron este último"se dirigía a hacer una entrega de cocaína" e previamente ese mesmo días estivera na casa de Jorge Durán en Vilagarcía e este realizara tarefas de supervisión. Fronte a esta versión, durante o xuízo, o 'Charlín' explicou que os une relación íntima de amizade e "fue a mi casa para pedirme por favor que le dejara 1.500 euros".
Na casa que Jorge Durán compartía con Rosa Charlín foron localizados 24.890 euros en efectivo e 31 teléfonos móbiles. O acusado atribúe ese diñeiro a líquido que utilizaba para o negocio de compravenda de coches que tiña entón e que mantén na actualidade e os móbiles a que a súa entón compañeira sentimental tiña unha tenda de telefonía en Vilagarcía.
Relacionadas:
-
A Audiencia retoma o xuízo por branqueo contra a sobriña de Charlín
Por Oskar Viéitez |
-
Non hai dúas sen tres: suspenden de novo o xuízo por branqueo contra Rosa Charlín
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Rosa María Charlín, de novo ante a Audiencia acusada de blanquear cartos da droga
Por Redacción |
-
Jorge Durán desvincúlase das actividades de narcotráfico que o volveron sentar no banco
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |