Jorge Durán desvincúlase das actividades de narcotráfico que o volveron sentar no banco
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
José Jorge Durán Piñeiro, coñecido por ser durante anos parella de Rosa Charlín (sobriña do patriarca do clan de Los Charlines), volveu sentarse este xoves no banco dos acusados por un delito de tráfico de drogas. Xa cumpriu condena por feitos similares e hai menos dun ano da súa última detención e ingreso en prisión provisional por vender estupefacientes nos locais de copas de Santiago. Malia os antecedentes e ás probas que a Garda Civil e o fiscal manteñen contra el, sostivo a súa inocencia.
Jorge Durán sentouse no banco da Sección Cuarta de la Audiencia xunto a outros tres procesados por traficar con drogas en distintos puntos de Arousa e a provincia de Pontevedra, en Barreiros (Lugo) e en Ponferrada (León). Os catro se desvicularon de calquera actividade ilegal de narcotráfico e tan só dous deles, David Pérez Calo e Antonio Rodríguez Franco, recoñeceron que cultivaban na súa casa marihuana. David Pérez para autoconsumo xunto ao seu pai e Antonio Rodríguez para el mesmo.
A Garda Civil realizou unha serie de seguimentos e picadas telefónicas que sitúan a Jorge Durán como subministrador de cocaína doutro dos acusados, Ricardo Paz Fernández. Detiveron a este último o 4 de novembro do 2010 na peaxe da autoestrada de Ordes (A Coruña) "cando se dirixía a facer unha entrega de cocaína" e os investigadores sosteñen que ese mesmo día, antes de saír para realizar esa operación, estivo na casa de Jorge Durán en Vilagarcía e que el realizou tarefas de supervisión.
Fronte a todas as acusacións, mantén a súa inocencia. Ese día asegura que Ricardo Paz, do que é amigo dende a infancia, acudiu á súa casa moi temperán pola mañá, pero non para realizar ningunha actividade realizada co tráfico de drogas, senón que porque contraera unha débeda coa Seguridade Social e "fue a mi casa para pedirme por favor que le dejara 1.500 euros".
Tras a súa detención, na casa que Jorge Durán compartía con Rosa Charlín foron localizados 24.890 euros en efectivo e 31 teléfonos móbiles. O acusado atribúe ese diñeiro a líquido que utilizaba para o negocio de compravenda de coches que tiña entón e que mantén na actualidade e a que "11.000 estaban en un sobre aparte porque eran de la venta de un Audi que acababa de hacer". Sostén en todo momento que el se dedica á compravenda de coches e, en relación cos telefónos incautados, explicou que "no había 31, había 400" porque a súa entón compañeira sentimental tiña unha tenda de telefonía en Vilagarcía.
Os investigadores rexistraron numerosos encontros entre Jorge Durán e Ricardo Pérez nos que o segundo acudía á casa do primeiro por un breve espazo de tempo e logo saía a facer algunha viaxe. Sobre estas visitas, asegurou que se debían a que o seu amigo"tenía una empresa de fontanería y calefacción que atravesaba una crisis" e contraera numerosas débedas, de modo que el encargáballe que lle realizase traballos para o seu negocio de compravenda de coches, que consistían en ir a recoller ou entregar vehículos.
Nestes trabajos "le envié a buscar coches a distintas localidades" porque "el 95% de mis ventas son por Internet y a toda España" e sempre acudía á súa casa moi temperán pola mañá porque o seu negocio era pequeno, entón non tiña sede social e tampouco se podía permitir pagarlle un hotel cando se desprazaba lonxe, así que saía temperán e regresaba o mesmo día"y comía un bocadillo por el camino".
Sobre a súa presenza habitual na súa casa, tamén xustificou que "visitaba, visita y visitará mi casa" pola profunda relación de amizade que teñen e porque tamén lle contratou algunhas 'chapuzas' na súa vivenda.
O xuízo non concluíu este xoves a falta da práctica das últimas probas e retomarase o próximo 24 de abril
O amigo de Jorge Durán, Ricardo Paz, negouse a responder ás preguntas do fiscal, pero si respondeu ás do resto de avogados e asegurou que Jorge Durán non lle deu" a cocaína que lle interviñeron no coche e que "nunca" vendeu drogas ao acusado ao que supostamente ía visitar o día da súa detención, Antonio Rodríguez Franco, senón que acudía á súa casa en Barreiros porque lle contratara un traballo pola súa empresa de fontanaría e calefacción.
Con Jorge Durán coincidiu en que lles une unha "relación de amistad" e en que "colaboraba en su negocio de compra venta de vehículos en plan amistad" porque "las cosas me fueron muy mal" e "tenía miles de euros de deudas acumuladas". De feito, montou un pub para o que pediu un préstamo de 3.000 euros a Durán Piñeiro que logo "me costó devolver" e toda esa situación levouno a caer no consumo de drogas e antidepresivos.
Antonio Rodríguez, a quen supostamente Ricardo Paz ía levar droga a Barreiros para que distribuíse na zona, explicou que o outro acusado lle estaba "realizando obras en casa". Tamén aclarou que estivo en prisión provisional, pero nunca condenado por un delito de tráfico de drogas.
David Pérez Calo explicou que no momento dos feitos era consumidor de cocaína, marihuana e haxix e estaba no paro, pero non se dedicaba á venda de droga, como moito, facía algún intercambio da marihuana que cultivaba.
O xuízo non concluíu este xoves a falta da práctica das últimas probas e retomarase o próximo 24 de abril. Jorge Durán e Ricardo Paz enfróntanse a seis anos de prisión e unha multa de 34.940 euros e os outros dous acusados a cinco anos e seis meses e multa de 12.266.
Relacionadas:
-
O fiscal rebaixa de seis a cinco anos a petición de condena para Jorge Durán por tráfico de drogas
Por Natalia Puga |
-
Rosa Charlín queda libre por tráfico de drogas e branqueo de capitais, pero deberá comparecer ante o xuíz cada 15 días
Por Redacción |
-
A desaparición de Fernando Caldas queda impune na Audiencia Nacional por falta de probas
Por Redacción |