1.100 familias do Concello de Pontevedra carecen de ingresos
Por Redacción
A primeira Enquisa de poboación activa (EPA) mostra que no último trimestre 225 vivendas do concello de Pontevedra quedaron sen ingresos. Desta forma, pasouse de 885 familias nesa situación a finais do pasado ano na que non constan perceptores de ingresos a 1.100 fogares en 2014.
Da mesma forma, 3.452 vivendas familiares do municipio, con polo menos un activo, contan con todos os membros activos como parados. Neste caso, a cifra increméntase nos últimos meses en 171 vivendas nesta situación.
Estes datos serán trasladados durante a reunión que se vai celebrar do Consello Económico e Social (CES) no Concello de Pontevedra coa intención de que dende a administración se mostren sensibles con esta preocupante situación e busquen algunha solución. Dende CC.OO. remitiron un escrito ao Concello no que propoñen trece medidas para fomentar a creación de emprego en Pontevedra, entre as que reclama un impulso da actividade industrial e a elaboración dun estudo sobre a economía local.