Piden sete anos de cadea para un marinense acusado de violación e malos tratos
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia provincial de Pontevedra xulgará o vinceiro día 20 de novembro a un veciño de Marín, J.S.M., sen antecedentes penais, ao que a fiscalía acusa de agresión sexual e malos tratos polos que solicita a pena de sete anos e dous meses de prisión.
Segundo o escrito de acusación, sobre a 1,30 horas do día 13 de xaneiro de 2.007, cando se atopaba no seu domicilio "guiado por unha finalidade de obter a satisfacción do seu apetito sexual, así como provocar danos físicos", achegouse á súa esposa que estaba no salón vendo a tele e díxolle "que quería durmir esa noite con ela", ao cal a muller negouse, índose para a cociña.
Ante a insistencia na súa negativa o marido reaccionou espindo á forza á súa esposa e arrastrándoa ata o dormitorio, onde a tirou sobre a cama e intentou forzala con violencia.
Coincidiu nese momento que acababa de chegar ao domicilio a filla común de ambos, de 28 anos de idade, aproveitando a nai para pedirlle auxilio, o que fixo ao home desistir das súas intencións.
A consecuencia deste feito a muller, que padece fibromialxia, sufriu diversas contusións de escasa entidade.
No escrito de acusación a fiscalía tamén inclúe un episocio anterior aos feitos antes relatados no que o acusado, o 28 de decembro do ano 2006, "agarrou á súa filla fortemente polos pulsos, dándolle unha patada nunha perna", non constando que precisase de atención médica.
Fiscalía entende que todos estes feitos son constitutivos dos delitos de violación, polo que pide a pena de cinco anos e seis meses de prisión, outro delito de maltrato contra a muller no ámbito familiar, para o que solicita once meses de prisión e tamén maltrato no ámbito familiar, polo que suma outra petición de nove meses de cádea.
Ademais a fiscalía solicita que sexa privado da tenencia e porte de armas por un total de cinco anos. E como pena accesoria a prohibición de achegarse a menos de 200 metros da súa muller, a súa filla así coma o domicilio familar durante cinco anos.