A capela do Nazareno convértese na cola do paro
Por Oskar Viéitez
O primeiro venres de marzo é un día especial no calendario de moitos pontevedreses que acoden ante a imaxe do Jesús Nazareno para pedir a súa intercesión en cuestións materiais. Fundamentalmente, pídese un traballo.
A tradición de 'As tres Grazas' congrega durante todo o día miles de devotos facendo cola na capela da rúa Tetuán, detrás do Teatro Principal, onde están instaladas dende primeira hora os habituais postos de venda de velas e exvotos, e mesmo de rosquillas.
A tradición di que durante esta xornada o Cristo concede unha das tres grazas a quen llas solicite. Están relacionadas coas tres caídas que sufriu durante a suba dende o pretorio ao monte do Calvario e que se evocan no Vía Crucis.
Voluntarios da parroquia de San Bartolomé encárganse de organizar a fileira de fregueses e que a estanza no interior da pequena capela non supere os dez minutos para rezar as oracións e deixar paso ao seguinte grupo.
A crise segue sumando e rexuvenecendo os fieis que dende as sete da mañá acceden á antiga sancristía do desaparecido templo de San Bartolomeu o Vello, onde se venera o Cristo.