Moraña habilitará un aparcadoiro público en Santa Lucía
Por Redacción
O Concello de Moraña vai destinar 550.000 euros dentro do Plan +Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra á creación dun aparcadoiro público no casco urbano de Santa Lucía e ao remate da modernización e reforma do campo de fútbol de Mirallos.
O alcalde, Sito Gómez, calificou ambos investimentos de “estratéxicos” durante a presentación de ambos proxectos, na que estivo acompañado por membros do goberno local e que tivo lugar na explanada anexa á rúa 6 e ao Edificio Multiusos na que se construirá o espazo de estacionamento gratuíto xunto ao acondicionamento dunha zona verde.
O proxecto do aparcadoiro, co que se comezará a urbanizar a popularmente coñecida como explanada e que acolle o mercadiño quincenal, actuará nunha superficie de 550 metros cadrados na que se habilitarán 43 prazas de aparcamento, dúas delas adaptadas, con pavimento de formigón, os carrís de circulación a base de aglomerado e beirarrúas de acceso de ata dous metros de anchura.
Paralelamente, nesta zona instalarase a correspondente sinalización, alumeado público e rede de pluviais e todo elo completarase co acondicionamento dunha zona verde á que se dotará de elementos de xardinaría, bancos e papeleiras e na que se rehabilitará unha antiga estrutura cuberta de madeira. Todo iso suporá un orzamento de 160.602 euros.
Por outra banda, a segunda e derradeira fase do campo de fútbol de Mirallos, emprazado nunha parcela de 7.450 metros cadrados, incluirá a dotación dunha capa drenante, a explanación, semente e preparación do terreo de xogo de céspede natural, a instalación dun sistema de rego con aspersores emerxentes, a colocación de catro grandes torres de iluminación e a construción dun novo peche perimetral con portón de acceso. Este investimento deportivo, que ten un prazo de execución de tres meses, ascende a 390.968 euros.
"Poñemos en marcha neste primeiro ano de mandato municipal dous importantes proxectos para Moraña, xa que o novo aparcadoiro vai ofrecer un servizo fundamental e vainos permitir seguir embelecendo e dotando de equipamentos á nosa capital municipal, mentres que o remate de Mirallos, que foi unha obra que sufríu adiamentos pola quebra da primeira adxudicataria e o posterior sobrecuste dos materiais, é imprescindible pola nosa aposta polo deporte e pola necesidade que temos de ofrecer aos veciños as mellores instalacións posto que somos un pobo que practica moito deporte", explicou o alcalde de Moraña.
Relacionadas:
-
Os servizos municipais de Moraña refórzanse coa incorporación de sete traballadores temporais
Por Redacción |
-
Moraña activa as obras de mellora viaria entre O Souto e As Casiñas
Por Redacción |
-
ADEGA presenta a demanda ante o TSXG pidindo a paralización inmediata das obras do parque eólico Acibal
Por Anxo Lourido |
-
Moraña prevé investir 788.000 euros ata 2026 para modernizar o abastecemento de auga
Por Redacción |