Moraña activa as obras de mellora viaria entre O Souto e As Casiñas
Por Redacción
O Concello de Moraña vén de activar o proxecto de mellora viaria e dotación do servizo municipal de saneamento á contorna residencial situada entre o núcleo central do Souto e o lugar das Casiñas, na parroquia de Lamas.
O proxecto supón un investimento de 48.168 euros que será financiado ao abeiro do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) da Xunta.
O alcalde, Sito Gómez, anunciou o próximo inicio destes traballos nunha visita á zona beneficiaria, pertencente á parroquia de Lamas, na que se acondicionarán dous treitos de camiño con preto de 2.100 metros cadrados de superficie e se instalarán tubaxes para o servizo municipal de sumidoiros en varias vivendas ao longo de 226 metros.
Esta actuación, financiada ao abeiro do Plan de Infraestruturas Rurais da Xunta, "permite elevar os investimentos de mellora do firme e de reforzo da seguridade viaria en pistas municipais ata os 312.000 euros no que vai de mandato", segundo explicou o rexedor local, que ten fixado o obxectivo dos 2 millóns de euros ata o ano 2027.