Moraña prevé investir 788.000 euros ata 2026 para modernizar o abastecemento de auga
Por Redacción
Oito fases terá o plan de investimentos que impulsará o Concello de Moraña para mellorar e modernizar a rede de subministración de auga potable.
A previsión é investir case 788.000 euros ata finais de 2026, a partir dunha auditoría do actual sistema, que desvelou que o Concello recibe 362.000 metros cúbicos anuais de auga e que só 290.000 chegan á rede municipal.
É dicir, que existen perdas, fugas e fraudes de ata 72.000 metros cúbicos anuais, o que supón o 20% do total.
"Está claro que temos ser máis eficientes coa modernización do sistema para seguir ofrecendo a mellor atención aos veciños e para conseguir que se perda a menor cantidade de auga posible”, explicou o alcalde de Moraña, Sito Gómez.
Actualmente, Moraña conta cunha potabilizadora, un depósito de 800 metros cúbicos na Laxe e 61 quilómetros de conduccións, que permiten achegar este servizo municipal a 747 vivendas e 1.735 veciños, o que supón o 42% da poboación. O resto nútrese das 54 captacións veciñais.
O proxecto deseñado polo goberno local pasa pola instalación de contadores individuais e de sistemas informáticos de monitorización da rede de consumo, a execución de melloras nas conduccións e de obras de reparación e renovación da rede e o reforzo dos sistemas de control cun rexistro de fugas e avarías.
En canto a este plan de investimentos, desenvolverase en oito fases que comezarán este mes de marzo e contempla un programa de detección de fraudes -que se estima que alcanzan os 10.664 metros cúbicos anuais- ou a instalación de sistemas informáticos, equipos de medición e melloras nos depósitos.
Ademais, prevén a instalación de contadores individuais onde non os haxa e a renovación dos que teñan máis de dez anos de antigüidade, a colocación de nodos na rede, a realización de reparación e a reposición de elementos deteriorados nas conduccións.