Pontevedra acollerá a 'Marcha sobre rodas' de ASPACE para visibilizar a parálise cerebral
Por Alejandro Espiño
2014 é o Ano Galego da Parálise Cerebral. Así o declarou a Xunta de Galicia o pasado 16 de xaneiro. Nesta conmemoración, que busca visibilizar esta discapacidade e sensibilizar á sociedade sobre ela, Pontevedra terá un papel destacado. Non só porque vaia a colaborar coas actividades que se enmarcan na programación deseñada por ASPACE Galicia, senón porque será a sede dun dos eventos principais.
Trátase da primeira edición da Marcha sobre rodas ASPACE, unha iniciativa lúdico e deportiva que ten como obxectivo poñer en valor as capacidades das persoas con parálise cerebral, as súas familias e as asociacións que as atenden, así como ao colectivo de persoas con discapacidade en xeral. Celebrarase, previsiblemente, o domingo 6 de xullo polas rúas do centro histórico de Pontevedra.
Na marcha, ademais de persoas que sofren parálisis cerebral, que irán en cadeiras de rodas ou bicicletas adaptadas, poderá participar a cidadanía en xeral con bicicletas, triciclos, patines, cadeiras de bebé, cadeiras de rodas ou outros vehículos con rodas. Segundo Eulogio López, presidente de ASPACE Galicia, Pontevedra é, "sen dúbida", o emprazamento idóneo para realizar esta actividade por "ser un modelo a seguir" en materia de accesibilidade.
Así o destacaron os directivos desta asociación tralo encontro que mantiveron este martes co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces. A eles, Eulogio López agradeceu a "sensibilidade" que desde o Concello de Pontevedra "sempre mostraron cara as persoas con parálise cerebral", un apoio, dixo, froito "do esforzo e a filosofía de goberno de facer unha cidade accesible para todos".
Na actualidade, Amencer, a asociación integrada en ASPACE, atende a uns 42 usuarios en Pontevedra. Por iso é polo que Fernández Lores sinalase que ademais de convenio anual que se asina con eles e as súas instalacións de Ponte Muiños, propiedade municipal, o goberno local ofrecese a súa colaboración en accións futuras para que "entre todos poidamos contribuír na mellora da calidade de vida deste colectivo".
Relacionadas:
-
ASPACE invita os pontevedreses a que "vengan a dar una vuelta" para concienciar sobre a paralise cerebral
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Organizan un paseo 'sobre rodas' para sensibilizarnos sobre a dispacidade cerebral e motora
Por Alejandro Espiño |
-
Innovación e solidariedade na FP
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Pontevedra abre un ano para facer máis visibles 5.500 galegos con parálise cerebral
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Amencer-Aspace, o colectivo galego ao que "máis golpea" a reestruturación do 065
Por Natalia Puga |