Pontevedra abre un ano para facer máis visibles 5.500 galegos con parálise cerebral
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Pontevedra deu este luns o pistoletazo de saída á conmemoración do Ano Galego da Paralise Cerebral, unha iniciativa aprobada dende a Xunta coa colaboración das entidades que traballan a diario con persoas con esta doenza que ao longo dos próximos meses poñerá en marcha actividades por toda Galicia. O centro de Amencer-Aspace en Lourizán foi o lugar elixido para presentalas.
O presidente de Aspace Galicia, Eulogio Lopez, destacou que Galicia é a primeira comunidade autónoma española que promove a declaración dun ano dedicado á parálise cerebral, unha doenza que afecta a case 5.500 persoas en Galicia e que experimenta unha tendencia á alza, segundo as cifras achegadas pola conselleira de Traballo e Benestar Social, Beatriz Mato. Cada ano, 54 nenos sófrena, situación que estaría vinculada co aumento de bebés prematuros.
Eulogio López considera a declaración deste ano un "logro de todos os que loitamos cada día pola defensa dos dereitos das persoas con parálise cerebral" e sinalou que non é só importante para as asociacións, usuarios e familias, senón que "é unha porta para abrirnos á sociedade, para dar visibilidade ao que facemos e, sobre todo, para amosar que a integración e a autonomía das persoas con parálise cerebral é posible".
Aspace Galicia e as asociacións provinciais que ten asociadas, entre elas Amencer-Aspace de Pontevedra, atende na actualidade a 400 persoas e familias con 200 traballadores e 72 voluntarios. Todos eles ven neste Ano Galego unha "oportunidade" para "amosar que tamén nestes tempos difíciles existimos e seguimos loitando pola igualdade de oportunidades, pola formación, pola inserción laboral, pola implicación das familias, por un ocio inclusivo, polo arte como expresión, por unha tecnoloxía que elimine barreiras".
"Este ano estamos seguros que dará valor ao que facemos e fará visibles ás persoas con parálise cerebral", concluíu o presidente de Aspace Galicia a súa intervención nun acto que estivo presidido polas conselleiras de Sanidade e Benestar Social, Rocío Mosquera e Beatriz Mato, que anunciaron que a Xunta refozará a atención ás persoas con parálise cerebral e os seus coidadores con actuacións específicas para eles.
Entre outras medidas, este ano Sanidade incluirá as persoas con parálise cerebral na tarxeta sanitaria AA (acompañamento e accesibilidade), que lles dá prioridade no acceso aos servizos sanitarios e permite que estean acompañadas por un familiar durante a atención. Benestar Social realizará novas actuacións baseadas en tres eixes: visibilidade, formación e sensibilización.
Relacionadas:
-
Aspace comemora o Día Mundial da Parálise Cerebral reivindicando unha educación inclusiva real
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
ASPACE invita os pontevedreses a que "vengan a dar una vuelta" para concienciar sobre a paralise cerebral
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Organizan un paseo 'sobre rodas' para sensibilizarnos sobre a dispacidade cerebral e motora
Por Alejandro Espiño |
-
Innovación e solidariedade na FP
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Pontevedra acollerá a 'Marcha sobre rodas' de ASPACE para visibilizar a parálise cerebral
Por Alejandro Espiño |
-
Sorrisos terapéuticos en Amencer-Aspace
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |