Innovación e solidariedade na FP
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O centro integrado de formación profesional (CIFP) A Xunqueira de Pontevedra e a asociación provincial Amencer-Aspace, de persoas con parálise cerebral e patoloxías afíns, seguen dando pasos en común dentro do plan de colaboración que seleccionou a Fundación Barrié na convocatoria de proxectos escolares educaBarrié 2013/2014.
Neste marco, este luns presentaron unha exposición de diferentes interruptores e pulsadores adaptados. Unha mostra que contou coa visita do alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, o xefe territorial de Educación, César Pérez, e da concelleira de Benestar, Carme Fouces.
Segundo explicou Mónica Touriño, xerente de Amencer, estes centros manteñen dende hai dez anos unha intensa colaboración que naceu da man do anterior director do centro educativo, David López. Era un primeiro contacto motivado polas dificultades económicas para dotar o colexio de material adaptado. De modo que os alumnos dos módulos de Carpintaría e Electrónica foron os primeiros en poñerse mans á obra adaptando xoguetes, ordenadores ou mobiliario.
Para poder dar unha mellor solución a estas tarefas intercámbianse visitas entre os alumnos dos dous centros. Nun primeiro momento ese intercambio resolveu problemas fundamentais para a intervención pedagóxica e terapéutica pero co paso do tempo abriu unha porta á innovación e desenvolvemento de novos produtos.
Pero hai outro valor que Mónica Touriño quixo destacar, o "exemplo de integración" que supón este intercambio educativo "porque fai ver os rapaces que estudan FP outras realidades e as súas necesidades".
Froito deste traballo conxunto esta semana desenvolveranse unha serie de charlas e visitas, por exemplo, a un vehículo adaptado, xa que os alumnos do ciclo de Transporte e Mantemento de Vehículos e Servizos Socioculturais e á Comunidade están moi interesados en examinar o funcionamento da rampla e o sistema de ancoraxes.
Relacionadas:
-
Queixas pola masificación do alumnado nos centros de FP
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra acollerá a 'Marcha sobre rodas' de ASPACE para visibilizar a parálise cerebral
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra abre un ano para facer máis visibles 5.500 galegos con parálise cerebral
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Amencer-Aspace, o colectivo galego ao que "máis golpea" a reestruturación do 065
Por Natalia Puga |
-
Motoristas, breakdancers e músicos... con algunha discapacidade
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Sorrisos terapéuticos en Amencer-Aspace
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |