Ramiro Espiño
Tempos mellores para Pontevedra e o seu deporte
Corría o ano 2007 e parece que foi hai unha eternidade. O deporte pontevedrés vivía días de gloria cos seus máximos representantes relacionándose co máis granado das súas respectivas disciplinas a nivel nacional. O Pontevedra seguía soñando con volver a Liga Profesional, non o conseguía, é certo, pero ilusionaba á súa numerosa e fiel masa de seguidores. O Teucro alcanzaba de novo a Liga Asobal. O Leis, que tomara o relevo do desaparecido Rías Baixas, asomaba a cabeza entre os grandes dunha Liga Nacional de fútbol sala que por aquel entón presumía de entorchados europeos e mundiais e non "contentos" con iso, a nosa veterana Sociedad Gimnástica coaba o seu equipo na elite dos elixidos ascendendo tamén á máxima categoría. E por detrás unha pléiade de equipos en todas as categorías e modalidades deportivas.
Era un sono para os que amamos o deporte en xeral, que son lexión nunha cidade de pouco máis de 80.000 habitantes. Pero como sucede na maioría dos sonos, o malo é espertar.
Antes de que chegase a crise económica comezou para o noso deporte unha progresiva derruba. Afundiuse o Leis, seguindo o ronsel do Rías Baixas, porque difícil se fai soster un club na elite con douscentos espectadores na bancada cada semana. Afundiuse o Pontevedra, como consecuencia dunha calamitosa xestión enlazada coa crise do ladrillo e aderezada pola aparición en escena de determinadas "fichaxes" non deportivas que cobraban coma se fosen estrelas e non metían goles...Bueno, si, algún meteron, por toda a escuadra, a quen lles contratou e a quen confiou neles. Seguiulle o Teucro, arrastrando unha débeda sideral que lle levou a solicitar concurso de acredores, como antes o fixera o Pontevedra, que fai dubidar seriamente da súa viabilidade futura (aínda que iso será motivo dun comentario á parte) e mesmo a Ximnástica, que si ten unha xestión exemplar, experimentou con dureza os avatares do duro momento económico, pasando de celebrar o ascenso do seu equipo feminino a unha dolorosa renuncia, precisamente (e con bo criterio) para non se ver en situación similar aos seus colegas.
En só cinco anos cambiamos radicalmente para peor. O noso deporte parece un soar e se outeamos o horizonte só vemos negros nuboeiros. Significa ésto que Pontevedra virou as costas ao deporte?. Non. En absoluto. O pobo bótase á rúa en calquera acontecemento que se lle ofrece e que pague a pena, abonda para mostra a Volta a España ou o Campionato de Europa de Triatlon. Non renunciemos a iso, pero non deixemos no esquecemento aos que día a día, os 365 de cada ano (e os bisestos un máis) traballan, ilusiónannos e mesmo nos fan sufrir, pero son NOSOS. Reivindico que en Pontevedra e arredores hai con seguridade xestores, bos xestores e amantes do deporte capaces de darlle a volta á tortilla. Entre todos temos que implicalos e animalos para que dean un paso á fronte.
Erhard Wunderlich
E xa que entre outras cousas falo neste comentario de mellores tempos no noso deporte, non quero rematar sen facer unha referencia a unha estrela mundial que nos deixou de forma temperá. Os que tivemos a fortuna de verlle xogar sabemos que cambiou para moitos a forma de entender o balonmán. Din del que os seus lanzamentos superaban os 100 quilómetros por hora. Non o sei, só que o noso Pavillón Municipal dos Deportes se encheu ata a bandeira para ver en acción ao por entón considerado e con xustiza, mellor xogador de balonmán do mundo.
O entón presidente da Barcelona, José Luis Núñez, presentouse no verán de 1983 ante os xornalistas cataláns xunto a un xigante alemán chamado Erhard Wunderlich, un gigantón de máis de dous metros e cen quilos de peso. Esa presentación foi un acontecemento para o balonmán mundial. Wunderlich abría unha nova era para ese deporte. "O primeiro millonario do balonmán" titulaban os medios alemáns a noticia sobre a súa fichaxe procedente do lendario Gummersbach. Aquí vímoslle na súa única tempada en España e moitos recordarán como o bo de "Pucho" Pérez, con apenas 1,60 metros, intentaba por orde de Julio Latas, por entón adestrador do Teucro, unha defensa mixta de "David contra Goliat", coa salvidade de que, a diferenza da historia bíblica, gañou o "Goliat" alemán.
Erhard Wunderlich faleceu a pasada semana, con só 55 anos, vítima dun cancro de pel. O mundo do balonmán laméntao. Eu quero recordalo con nostalxia, nostalxia por el e nostalxia por tempos mellores do noso deporte, que hoxe por hoxe se antolla unha quimera pensar que poidan volver ser realidade.