A Lomba lucirá o ambiente das grandes galas para recibir o Ourense
Por Redacción
O Arosa afronta este domingo, ás 20.45 horas, o partido de volta da primeira eliminatoria do playoff polo ascenso a Segunda Federación. Despois do empate sen goles da pasada fin de semana no Couto fronte á UD Ourense, os de Luisito esperan rematar a faena nun estadio da Lomba que lucirá o ambiente das grandes galas.
Co obxectivo de apoiar ao club, a directiva decidiu que cada socio pague un suplemento de 5 euros para acceder ás súas bancadas, ademais, teñen a opción tamén de retirar un pase extra para un acompañante ao mesmo prezo. As tarifas para o público xeral son de 10 e 15 euros para Preferencia ou Tribuna.
A campaña púxose en marcha a principios de semana e desde o primeiro día o ritmo de venda de localidades foi constante. Para facilitar a compra de entradas, o club ten desde esta tarde de venres ata o sábado pola mañá unha carpa na Praza de Galicia para despachar billetes e evitar colas o domingo.
Haberá tamén unha importante presenta de afeccionados ourensáns. Os do Couto solicitaron 300 entradas para acudir a Vilagarcía que despacharon rapidamente, polo que pediron 150 máis que tamén foron postas ao dispor da UD Ourense.
Doutra banda, antes de que o balón bote a rodar, o Arosa SC renderá unha homenaxe á deportista vilagarcia Sara Gómez, que este ano puxo punto e final a unha longa e brillante traxectoria como xogadora de baloncesto durante 18 tempadas, 13 delas no AD Cortegada.
Relacionadas:
-
Cun Iñaki estelar, segue adiante o Arosa na loita polo ascenso ao eliminar ao UD Ourense (3-0)
Por Ramiro Espiño |
-
Suspenden dúas semanas o presidente do Arosa por entrar no vestiario arbitral con "menosprezo ou desconsideración"
Por Diego Espiño |
-
A Lomba ditará sentenza para UD Ourense e Arosa na primeira eliminatoria polo ascenso (0-0)
Por Redacción |
-
O Arosa inicia este luns no Couto a carreira polo ascenso a Segunda Federación
Por Redacción |