31 nadadores do Galaico afrontan ata o domingo o Campionato Galego Absoluto de Inverno
Por Redacción
A piscina Javier Gómez Noya de Ferrol será escenario dende este venres 27 e ata o domingo 29 de decembro do Campionato Galego Absoluto de Inverno de natación.
Alí estará o Club Natación Galaico de Pontevedra cunha nutrida representación de 31 nadadores para unha cita que se disputa en piscina de 25 metros.
Entre os obxectivos que se marca o club está converterse no mellor equipo do campionato, revalidando o título logrado hai un ano en Santiago, que os nadadores poidan rebaixar as súas marcas persoais e, no caso dos máis novos, continuar coa súa progresión.
Na composición do equipo destaca unha vez máis a participación feminina, con Bea Gómez Cortés, Iria García e Paula Goyanes como bazas máis importantes tras participar recentemente no Nacional de Piscina Curta de Castellón.