O Natación Galaico revalida en Ferrol o título de campión galego absoluto de inverno
Por Diego Espiño
A piscina 'Javier Gómez Noya' de Ferrol rendeuse ao Club Natación Galaico na disputa do Campionato Galego de Inverno, celebrado a pasada fin de semana.
A entidade pontevedresa logrou revalidar o título de mellor equipo con 48.843 puntos por diante do Pabellón Ourense (47.021) e o Natación Ferrol (39.919), grazas sobre todo á achega do conxunto feminino, primeiro clasificado na súa categoría, mentres o equipo masculino logrou a quinta praza.
Entre a participación do Galaico destacou a súa nadadora máis internacional, Bea Gómez Cortés, que bateu ata catro records galegos en 100 bolboreta (1:00.85), 200 bolboreta (2:12.91), 200 costas (2:12.60) e 50 libres (25.81), este último dentro do relevo de 4x50.
Ademais na cita, disputada en piscina de 25 metros, outros tres deportistas do club lerezano lograron rebaixar as súas marcas: Beatriz Cons en 800 libres para menores de 13 anos (9:20.82), Nuria Erselle en 100 costas na mesma idade (1.07.71) e Daniel Sánchez en 50 costas para menores de 15 anos (27.95).