José Antonio Millán substitúe a Evaristo Portela no consello de administración do Pontevedra
Por Ramiro Espiño
Comezan os movementos no seo do consello de administración do Pontevedra. Movementos significativos, ademais, pois supoñen que algún dos accionistas maioritarios decidiu mover ficha á vista de actuacións que, supostamente, viñeron realizando ás súas costas determinados compoñentes do consello actual, para intentar facerse co control do club.
O primeiro deses movementos quedaba plasmado de forma oficial na tarde do mércores, na que José Antonio Millán, presidente do colectivo de socios e accionistas minoritarios Acción Granate, presentaba un escrito asinado polo administrador único da empresa Gestsoccer Hash, S.L., en virtude do cal se comunica ao consello de administración do Pontevedra C.F. que a xunta de socios da devandita razón social, "reunida en fecha 2 de agosto de 2013, acordó por unanimidad cesar como representante en el cargo de Consejero y Secretario del Consejo de Administración de la entidad Pontevedra CF, S.A.D. a don Evaristo Portela Acuña".
A continuación, no mesmo escrito, datado onte, mércores, se comunica a decisión de "nombrar representante en el cargo de Consejero y Secretario del Consejo de Administración de la entidad Pontevedra CF, S.A.D. a don José Antonio Millán Gómez".
Sen dúbida este relevo no consello de administración da entidade granate, así como o feito de que a persoa que se incorpora ao órgano de dirección sexa o presidente do colectivo Acción Granate, grupo que se posicionou de forma clara e moi activa en contra do anterior presidente Mauricio Rodríguez, e da conselleira Lupe Murillo, avalando a entrada na dirección do club de Alberto Argibay, confire unha especial importancia á reunión que a última hora da tarde do xoves manterán en Pasarón representantes de peñas con membros do consello e accionistas maioritarios.
Pero este movemento no seo do consello podería non ser o último, xa que Nino Mirón e o seu grupo de empresas teñen aínda a opción de nomear dous conselleiros máis, non sendo descartable que exerza tal dereito en datas ou horas próximas.