José Antonio Millán e Acción Granate acceden oficialmente ao Consello de Administración do Pontevedra
Por Ramiro Espiño
Non houbo sorpresas. José Antonio Millán, presidente do colectivo de socios e accionistas minoritarios Acción Granate, é dende a tarde do luns conselleiro de pleno dereito do Consello de Administración do Pontevedra, en representación da empresa Gestsoccer Hash, S.L., propiedade de Nino Mirón, substituíndo no mesmo consello a Evaristo Portela.
Á reunión do Consello, celebrada nas oficinas do club en Pasarón, asistiron, ademais do propio Millán, o actual presidente José Manuel Fernández, e os conselleiros Ricardo Tilve, Lupe Murillo e Luis Durán. Non compareceron o ex-presidente Mauricio Rodríguez, nin o conselleiro José Manuel Dopico, que delegaron a súa representación en Murillo e Tilve.
Era o motivo principal da reunión do consello, que ademais fixo repaso á situación económica da entidade, desmentindo ao seu termo as informacións que apuntaban á existencia dun superávit da tempada pasada próximo aos 250.000 euros. Neste sentido o presidente, José Manuel Fernández, negou categoricamente que o consello tivese facilitado cifra ningunha, nin considerara números provisionais de peche de exercicio, remitindo ás contas oficiais que espera estean dispoñibles antes do límite do prazo máximo establecido nos estatutos da sociedade, que finaliza o 30 de setembro próximo.
Ademais, barallouse a posibilidade de distribución de funcións e tarefas entre os membros do consello, ademais da ampliación do número de conselleiros incorporando novos membros que completen a cifra máxima prevista nos estatutos de dez conselleiros, tres máis dos designados na actualidade.