Nove segundos separan da vitoria a Javi Gómez Noya, bronce en Hamburgo, ante os irmáns Brownlee
Por Ramiro Espiño
Un gran Javier Gómez Noya logrou a medalla de bronce nas Series Mundiais ITU disputada na tarde do sábado en Hamburgo. A localidade alemá albergou unha competición na que os españois conseguiron unha notable actuación. O evento tiña como incentivo engadido o enfrontamento entre os tres medallistas olímpicos, por primeira vez dende os pasados JJ.OO de Londres; un duelo entre os mellores triatletas do momento que non defraudou, e no que ofreceron a todos os espectadores un vibrante final.
O británico Jonathan Brownlee impúxose ao seu irmán Alistair e ao español Javier Gómez Noya nun apertado sprint final. Jonathan, bronce en Londres 2012, superou por milímetros a Alistair. O triatleta galego mantén o liderado nas series mundiais, a falta de dúas probas, con 266 puntos de vantaxe sobre o mallorquino Mario Mola, que é segundo
A proba desenvolveuse en distancia sprint, cun tramo inicial de 750 metros de natación, no que o eslovaco Richard Varga volvía dominar o sector, seguido por Henri Shoeman e os irmáns Brownlee á fronte, con Javier Gómez Noya saíndo a escasos segundos deles.
O español colocábase no grupo de cabeza á saída da T1, xunto con Alistair e Jonathan Brownlee, Henri Schoeman, Aaron Royle, Rayn Sissons, Vincent Luis, Alessandro Fabian e Aurelien Raphael. Mentres que outro español, Mario Mola, circulaba no primeiro pelotón perseguidor a 20 segundos de distancia, mentres Jesús Gomar se situaba nun segundo grupo perseguidor, cunha desvantaxe aproximada de 20 segundos.
O grupo de nove comandaría os 20 km. ciclistas e entraba á T2 liderando a contenda, pero nos primeiros compases dos 5 km. de carreira a pé Shoeman, Gómez Noya e os irmáns Brownlee conseguían desmarcarse do resto. Non obstante o sudafricano pronto se quedaba relegado e a disputa dos postos do podio quedaban para o galego Gómez Noya e os irmáns Brownlee. Os tres loitaron polo ouro nuns intensos últimos 2.5 km., nos que o triunfo se dirimiu nun emocionante sprint final, no que Jonathan se alzaba coa vitoria, seguido polo seu irmán Alistair. A tan só 9 segundos de ambos os dous chegaba Gómez Noya, en terceira posición.
Por detrás Mario Mola ía avanzando posicións, destacando unha vez máis no tramo de carreira a pé co cuarto mellor parcial do sector, ata cruzar a liña de meta nunha espléndida quinta posición. Pola súa banda, o outro español en liza, Jesús Gomar, finalizaba a súa participación en 54º posición.
Con este resultado Javi Gómez Noya segue encabezando a clasificación xeral nas series mundiais a falta de dúas probas, con 266 puntos de vantaxe sobre o mallorquino Mario Mola, que é segundo.
A próxima etapa das Series Mundiais, penúltima da tempada, celebrarase o 24 e 25 do mes de agosto, en Estocolmo.
Relacionadas:
-
Gómez Noya, segundo en Estocolmo tras Alistair Brownlee cede o liderado das Series Mundiais
Por Alejandro Espiño |
-
Javi Gómez Noya vence nunha proba olímpica organizada por Ironman en Zúrich
Por Redacción |
-
Gómez Noya, decimoterceiro en Kitzbühel: "Me he sentido vacío, las piernas no me iban y estoy decepcionado"
Por Alejandro Espiño |
-
Gómez Noya remata segundo en Madrid e colócase líder das Series Mundiais
Por Redacción |