O Campionato de España de Deportes de Inercia repite experiencia en Pintos
Por Diego Espiño
Nunca deixan indiferente a ninguén, e adoitan ser competicións cargadas de diversión. As carrilanas volven un ano despois a Pintos, Marcón, para acoller por segundo ano consecutivo o Campionato de España de Deportes de Inercia.
Con case 60 vehículos inscritos, aínda que poderán sumarse máis ata unha hora antes da proba, e pilotos chegados de principalmente de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco o campionato promete emocións fortes.
"O ano pasado foi moi ben acollida polos veciños", explicou na presentación do evento Alfonso Silveira, presidente da o Federación Galega, polo que se decidiron a darlle continuidade nun trazado, o de Pintos, que mestura "unha parte de desarrollo do vehículo e outra de técnica".
Os participantes afrontarán baixadas nos seus vehículos artesanais a un percorrido de preto de 2 quilómetros desde o polígono do Campiño.
Durante a tarde do sábado (15:00 a 19:30 horas) están previstos os adestramentos, mentres que na xornada de domingo levarán a cabo as mangas oficiais (10:00 a 13:00 horas) estando previsto realizar dúas pasadas cronometradas e unha terceira de ehxibición para goce do público presente.