Cronometraxe electrónica e mellores premios, novidades na III Travesía a Nado de Raxó
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A organización da terceira edición da Travesía a nado do Concello de Poio espera que se volva a repetir o número de participantes da proba de 2017 á que se sumaron 150 nadadores. A inscrición para esta proba que se celebra este domingo 5 en Raxó mantense aberta ata as 23.59 horas deste xoves 2 a través da web de CCNorte.
A concelleira de Deportes, Marga Caldas, acompañada polos integrantes da organización, sinalaba na presentación da proba que se modificou o percorrido das tres competicións. A absoluta, de 2.000 metros, percorrerá Xiorto, Sinás e a chegada será na praia de Raxó. Comezará ás 11.00 horas do domingo, segundo apuntou Carlos Sánchez. A proba para os menores que naceron entre 2006 e 2009 será de 150 metros e desenvolverase na contorna do porto de Raxó, do mesmo xeito que a de categoría de cadetes.
Nesta ocasión, a novidade chegará coa utilización de cronometraxe electrónica, en tempo real, e tamén coa mellora dos premios con traxes de neopreno para os vencedores masculino e feminino da proba. Haberá tamén premios para o segundo e terceiro, ademais de para o nadador local mellor clasificado.
Marga Caldas recoñeceu que o cambio do percorrido nesta proba estaba, en parte, relacionado coa prohibición inicial de Portos de Galicia á práctica de actividades deportivas na contorna das dársenas portuarias.
Neste sentido sinalou que se atopan pendentes da resolución do recurso presentado polo Concello de Poio ante o organismo autonómico para que aprobe a celebración das probas deportivas previstas para setembro, o Acuatlón Concello de Poio en Combarro e o Campionato de España de Endurance.
A concelleira mostrouse optimista porque Portos de Galicia autorizou, recentemente, o Torneo de Fútbol 3x3 e esa decisión senta un precedente positivo. Apuntou que, en todo caso, as probas vanse "facer igual" noutro espazo, no caso de que a administración autonómica non autorice a celebración das competicións en zonas portuarias.
Relacionadas:
-
Marcos Vila e Bea Gómez Cortes impóñense na III Travesía a nado de Raxó
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Poio consegue o OK de Portos de Galicia para os seus eventos deportivos, o primeiro o 3x3 Armadiña
Por Diego Espiño |
-
O PP de Poio disposto a axudar aos clubes deportivos ante as restriccións de Portos de Galicia
Por Oskar Viéitez |
-
En perigo varios eventos deportivos en Poio por un cambio de normativa de Portos de Galicia
Por Diego Espiño |