Ceden en casa Villalonga e Celtiga, o Arosa logra a súa segunda vitoria e o Ribadumia arranca un punto
Por Redacción
Un Arenteiro práctico soubo levar os puntos de San Pedro. Os ourensáns confirmaron o seu sorprendente inicio de tempada á conta dun Villalonga que cede terreo.
Foi un partido de moita pelexa pero pouco fútbol e apenas ocasións na primeira parte, con apenas un par de disparos dos locais e un do Arenteiro, neutralizados polos porteiros.
A mesma tónica manteríase no segundo tempo, ata que no minuto 67 Rubén Arce recibiu un balón profundo para plantarse diante de Marcos Bermúdez e baterlle con comodidade.
Desde ese momento os celestes tentárono pero non atoparon solucións para evitar que os puntos se fosen para O Carballiño.
Consulta o acta do partido Villalonga-Arenteiro nesta ligazón.
Chegou a segunda vitoria ligueira do Arosa á conta dun Racing Villalbés romo en ataque e que apenas creo oportunidades de gol na Lomba. Os de Jorge Otero foron lixeiramente superiores en xogo, aínda que dispuxeron de bastantes máis ocasións de marcar e sentenciar o resultado sen abafos.
Nos primeiros 15 minutos as ocasións estiveron nas botas de Javi Pazos, especialmente nun man a man co porteiro lucense que salva o meta, e unha segunda a pase de Iago Beceiro, que rematou fóra por pouco.
A segunda parte foi frouxa, igualada pero sen xogadas de perigo, cos porteiros vivindo unha tarde tranquila.
Pero cando a afección local comezaba a mostrar síntomas de impaciencia e ata enfado cos seus, chegou o gol do triunfo, non sen antes ter unha xogada polémica cando o defensa visitante Antonio foi amoestado por cortar unha acción de Sylla cunha falta ao bordo da área que podía ser merecedora de vermella directa nunha das poucas aproximacións con perigo.
Tras esta acción, no minuto 71 chegaba o gol que daba a vitoria aos locais, nun balón longo para Javi Pazos, que aproveitou a dúbida na saída o porteiro para baterlle con serenidade.
O gol deu confianzas a un Arosa que terminou máis enteiro fisicamente aínda que pedindo a hora máis pola necesidade e o curto do resultado que porque o Villalbés puxéselles en apertos.
Consulta o acta do partido Arosa-Racing Villalbés nesta ligazón.
Vitoria xusta pero sen brillo dun Boiro que non aproveitou a superioridade numérica da que dispuxo desde os últimos minutos da primeira parte. Os visitantes foron superiores e sentenciaron pronto o partido. Aos 26 minutos adiantáronse no marcador tras un disparo de Herbert que rachazó a zaga, aproveitando Taboada para inaugurar o marcador.
Pouco despues da media hora de xogo (min. 34) Remeseiro facía o segundo á saída dun corner.
As esperanzas locais de dar a volta ao marcador quedaban en pouco menos que un imposible ao ser expulsado Uru con vermella directa pouco antes do descanso.
Na segunda parte o dominio territorial foi do Boiro ante un Céltiga replegado, pero a falta de puntería dos de Barraña para transformar as ocasións que xeraron ante Manu Táboas impediu que o marcador fose máis avultado.
Consulta o acta do partido Céltiga-Boiro nesta ligazón.
Gran ambiente en San Lázaro con presenza de afeccionados dos dous equipos. O Ribadumia non puido pasar do empate fronte ao pechacancelas Noia, aínda que suma a súa cuarta xornada consecutiva sen perder.
Foi un partido cunha primeira parte vibrante e unha segunda aburrida. Os visitantes adiantáronse aos 18 minutos tras un corner rematado por Rubén González que salva Pajarillo pero que Santi aproveita.
O empate chegaría tamén tras un lanzamento de esquina, aos 26 minutos, cando o balón quedou aos pés de Tachi que desde a frontal púxoo na escuadra.
A segunda parte tivo moito menos ritmo e escasas chegadas, dando a impresión de que os dous equipos daban por bo o punto conquistado, antes que arriscarse a buscar a vitoria.
Consulta o acta do partido Noia-Ribadumia nesta ligazón.
Relacionadas:
-
Un tempo para cada equipo e xusta repartición de puntos entre Ribadumia e Villalonga (1-1)
Por Redacción |
-
Arosa e Ribadumia atopan o gol, o Villalonga frea ao líder e o Céltiga estrélase ante o Compostela
Por Redacción |
-
Vitorias do Ribadumia sobre o Ourense, Arosa en Boiro e Céltiga en Barbadás e derrota do Villalonga en Redondela
Por Redacción |
-
Remonta o Ribadumia, sorprende o Céltiga en Villalba, cae o Villalonga na casa e segue sen arrancar o Arosa
Por Redacción |
-
Triste empate entre Arosa e Ribadumia mentres Céltiga e Villalonga sacan proveito do mal momento de Laracha e Negreira
Por Redacción |
-
O Ribadumia gaña o derbi da necesidade ao Céltiga mentres caen Villalonga e Arosa
Por Redacción |