Vitorias do Ribadumia sobre o Ourense, Arosa en Boiro e Céltiga en Barbadás e derrota do Villalonga en Redondela
Por Redacción
Segue cumprindo a machada a famosa "media inglesa" o Ribadumia, que alterna vitorias no seu campo con empates a domicilio. Nesta ocasión conseguiu frear a unha das sorpresas da tempada como o Ourense CF, vencendo na Senra grazas a un gol en acción a balón parado e sumando a súa quinta xornada consecutiva sen perder, para situarse na zona tranquila da táboa.
Tras unha primeira parte disputada pero aburrida e sen demasiadas xogadas de perigo serio, no minuto 53 chegaba o gol que daría a vitoria ao Ribadumia, tras un corner lanzado por Pablo Mota que rematou de cabeza Santi Padín.
A partir de aí o Ribadumia defendeuse con orde e mesmo tivo algunha opción á contra de ampliar a conta.
Consulta o acta do partido Ribadumia-Ourense CF nesta ligazón.
Golpe de efecto do Arosa que se impuxo no derbi da ría de Arousa a un Boiro superado en toda regra polos de Jorge Otero. Os arlequinados realizaron un gran partido, cun único pero, as dificultades que tiveron para transformar as numerosas ocasións de gol que conseguiron crear.
A primeira parte foi moi entretida e con alternativas para ambos os equipos, pero con máis perigo do Arosa, que xa aos dous minutos puido marcar nun remate de Manu Justo que saíu rozando o poste.
Respondía o Boiro cun disparo de Pillado, que detivo Lloves, antes dunha dobre ocasión arosista, superada a media hora que non puideron aproveitar Javi Pazos e Yerai.
Repetiría sorte no desconto Javi Pazos, moi activo toda a tarde, pero non puido superar ao meta local Kike Reguero.
Na segunda parte o Arosa puido marcar nunha gran contra, pero de novo Kike Reguero salvou neste caso o man a man con Sylla.
Pero cando parecía que os de Jorge Otero ían verse penalizados unha xornada máis pola súa falta de puntería, en apenas tres minutos resolveron o partido. Aos 74 de xogo, Yerai aproveitaba unha asistencia de tacón de Javi Pazos, tras unha boa xogada de Suso. No 77 por fin Javi Pazos atopaba o premio ao seu traballo facendo o segundo a pase de Manu Justo.
Consulta o acta do partido Boiro-Arosa nesta ligazón.
Terceira derrota consecutiva do Villalonga que non foi rival para un Choco moi superior. Os redondelanos sumaron tres importantes puntos que lle serven para abandonar a zona de perigo, igualando na táboa precisamente ao conxunto celeste.
Os de Santa Mariña inauguraron o marcador aos 17 minutos tras unha xogada pola banda dereita con centro de Chiqui que remata Marquitos, dando o balón no poste para terminar entrando.
Na segunda parte, en pouco máis de dous minutos chegaba a sentenza. Aos 58' Chiqui lograba un golazo, colocando o balón con rosca xunto ao poste e dous máis tarde un centro de Gabi Misa desde o corner rematouno de volea Lucas, establecendo o definitivo e contundente 3-0.
Consulta o acta do partido Choco-Villalonga nesta ligazón.
As condicións do campo de Vos Carrís dificilmente permiten que se vexa bo fútbol e nesta ocasión non foi a excepción. Gañou o Céltiga porque foi o equipo capaz de adiantarse no marcador e defender despois a súa vantaxe do habitual bombardeo dos locais, buscando os remates directos ou as segundas xogadas.
Non se cumpriu aínda o primeiro cuarto de hora de partido cando chegou a xogada que decidiu o partido. Quintairos derrubou a Stefan dentro da área ourensá e o claro penalti transformouno Paco enganando ao porteiro local.
O Barbadás confirma o seu mal momento con este resultado, acumulando a súa sexta derrota consecutiva, mentres os da Illa respiran con nove puntos conseguidos dos últimos 12 disputados.
Consulta o acta do partido Barbadás-Céltiga nesta ligazón.