Lucía Vázquez achégase ao liderado en Portugal
Por Redacción
A calor converteu a cuarta cita puntuable da Taça de Portugal de Cross Country Olímpico (XCO) nunha auténtica proba de supervivencia, pero Lucía Vázquez logrou superala para situarse a un paso do liderado da competición.
A biker de Vilaboa, actual campioa da competición lusa, foi segunda na carreira celebrada no circuíto de Jamor, en Lisboa, onde se chegaron a vivir temperaturas próximas aos 40 graos.
"Foi durísimo", recoñeceu a pontevedresa, xa que "cada volta a calor apertaba máis e cada vez atopábame peor". Chegou a sufrir mareos e valorou a opción de retirarse, pero foi recuperándose. Así alcanzou á terceira clasificada, Ana Rita Vale, e cando parecía que xa non habería cambios superou á lusa Ana Tomás, víctoma dun golpe de calor.
Ao final a vencedora foi a estoniana Maaris Meier, cruzando a meta con tres 3:05 de vantaxe sobre Lucía Vázquez e 3:13 sobre Ana Rita Vale.
Desta forma a ciclista do ProRebordosa ascende ao segundo posto da clasificación xeral con 110 puntos, aproveitando a asuencia nesta carreira de Joana Monteiro. A nova líder é Meier con 124 puntos.