O PP asegura que os clubs deportivos están "desesperados tras dúas tempadas sen recibir subvencións municipais"
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular en Pontevedra volveu a insistir este martes na situación que está a provocar o atraso no pagamento das subvencións concedidas aos clubs deportivos da cidade.
"Están desesperados tras dúas tempadas sen recibir as subvencións municipais e unha terceira tempada pendente aínda de convocatoria", explicou Tomás Abeigón.
Segundo o edil do PP "a día de hoxe non existe nin un só decreto de pago sobre as axudas correspondentes á tempada 2015/2016", mentres as subvencións da tempada que encara a súa recta final están aínda sen conceder. Esta situación agrávase, asegura, porque o crédito co que se ía a facer fronte ás axudas xa resoltas "esgotouse", defende Abeigón.
Ao redor de 60 clubs deportivos solicitaron as axudas, que nas súas bases de agosto do ano 2016 establecían 300.000 euros de orzamento para sufragar o custo das competicións oficiais da citada tempada.
"Este excesivo atraso está a provocar un auténtico caos económico nas entidades ao non poder facer fronte aos gastos", sinalou Tomás Abeigón esixindo, ademais dunha explicación, celeridade ao goberno municipal para non "ferir de morte o deporte federado de Pontevedra".