O pagamento das subvencións aos clubs deportivos, a finais de xuño
Por Redacción
Os clubs deportivos da cidade poderán cobrar as subvencións municipais correspondentes ao ano 2016 a finais do mes de xuño.
É o prazo que manexa o Concello se non existe atraso na tramitación administrativa despois de que as axudas recibisen este mércores o visto e prace da comisión de avaliación convocada polo Servizo de Deportes, unha comisión na que estaban representados todos os grupos políticos da corporación e que apoiou a repartición por maioría coa única abstención de Marea Pontevedra.
En concreto, aprobouse a repartición de 140.608,68 euros destinados ao mantemento das escolas deportivas, dos cales 16.980 euros son para centro escolares do rural, 7.811 euros para grupos especiais e 115.817 euros para o resto das escolas orientadas a nenos e nenas en dade escolar.
A outra liña de subvencións aprobada é a destinada a custear a participación en competicións oficiais, cun orzamento de 300.000 euros.
Tras a aprobación, sinala o Concello, publicarase a resolución oficial da repartición de axudas e notificarase oficialmente aos clubs, que terán un prazo de 10 días para presentar alegacións antes de que sexa aprobada pola Xunta de Goberno e o expediente se remita ao servizo de intervención e tesourería para que se formalice o pagamento.
Unha vez cumprimentado este procedemento, a Concellería de Deportes anunciou que, en breve espazo de tempo, darase a coñecer a resolución da última liña de subvención para os clubs deportivos da cidade e sinalou ademais que estuda a revisión das bases para simplificar e axilizar a tramitación en futuras convocatorias.
CRÍTICAS DO PARTIDO POPULAR
Unha vez aprobado o expediente da comisión evaluadora, o Partido Popular quixo expresar a súa desconformidade co goberno local ao sinalar que "trata de maquillar o atraso existente na entrega das subvencións" xa que "a día de hoxe as entidades deportivas da nosa cidade seguen sen recibir as subvencións correspondentes á tempada 2015/2016", sinalou Tomás Abeigón.
Para o edil do PP trátase dunha situación que "previsiblemente se seguirá demorando xa que máis da metade dos expedientes seguen sen ser trasladados ao servizo de intervención".
Unha situación que, denuncia Abeigón, deixa aos clubs "coa auga ao pescozo, asfixiados".
Relacionadas:
-
O PP asegura que clubs deportivos de Pontevedra continúan sen recibir as axudas municipais correspondentes ao 2015
Por Redacción |
-
O Concello convoca a comisión que resolverá as subvencións a clubs deportivos
Por Redacción |
-
O PP asegura que os clubs deportivos están "desesperados tras dúas tempadas sen recibir subvencións municipais"
Por Redacción |