O Unión Grove despega, o Sanxenxo empata e o Portonovo cae goleado
Por Redacción
Terceira vitoria consecutiva en liga dun Unión Grove que toma impulso cara á zona tranquila da clasificación na Preferente.
O cadro meco venceu a domicilio nun vistoso encontro ante o Nogueira de Ramuín (2-4), e sitúase no posto 12 con 27 puntos, lonxe xa da zona perigosa.
A pesar de macrar sempre a pauta ao Grove tardou en sentenciar. Diego Blanco fixo o 0-1 aos 20 minutos, pero os locais igualaron ao comezo do segundo tempo desde o punto de penalti. A alegría con todo duroulles pouco ao conseguir Caamaño o 1-2 só un minuto despois.
O Nogueira de Ramuín volveu empatar, ata que os mecos decidiron no tramo final con dous goles máis, obra de Pablo e Rubén, de penalti.
Consulta o acta do Nogueira de Ramuín-Unión Grove.
Non pasou do empate, e van tres seguidos, o Xuventú Sanxenxo en Baltar de Arriba ante o Porriño Industrial (2-2).
Os amarelos remontaron o tanto inicial dos visitantes con goles de Currás no 41 e Álex Corrales no 58, pero non foron capaces de aguantar a súa vantaxe.
Estefan, no minuto 81, fixo o 2-2 definitivo, que deixa ao Sanxenxo na décimo terceira posición con 27 puntos.
Consulta aquí o acta do Xuventú Sanxenxo-Porriño Industrial.
Dura derrota do Portonovo, que caeu goleado na súa visita ao campo do Alertanavia (5-0).
Foi un resultado enganoso, froito do gran acerto local na segunda metade. Antes os de Borja Burgos estiveran metidos no partido, pese ao primeiro tanto local aos 21 minutos.
O Alertanavia encarrilou o choque co seu segundo gol no 53, pero non foi ata os últimos minutos cando completou a goleada. A derrota deixa aos arlequinados na décimo quinta praza con 24 puntos.