A liga non descansa para un Peixe Galego na busca de reacción
Por Redacción
A competición non para nestas datas na liga LEB Ouro de baloncesto, polo que o Peixe Galego prepárase para o último partido do anoe para unha semana de esixencia máxima.
O cadro marinense visita este venres 30 de decembro (21:00 horas) a cancha do Guipuzkoa Basket GBC, en San Sebastián, coa intención de poñer fin á súa serie de seis derrotas consecutivas e engancharse á loita pola permanencia.
Será o último partido da primeira volta nun compromiso complicado para os de Javi Llorente, ante o actual cuarto clasificado e un equipo, o GBC, que afronta a súa primeira tempada na categoría tras cinco anos seguidos na liga ACB.
O Peixe necesitará a mellor versión do equipo para pelexar polo triunfo e recobrar a moral antes de iniciar a segunda volta da competición, na que a pesar das súas limitacións orzamentarias espera poder pelexar por unha permanencia que supoñería un éxito maiúsculo para o club e que agora está a só un triunfo de distancia.
A directiva marinense sonda estes días o mercado por se aparece unha opción interesante para reforzar o seu plantel, que se demostrou curto nalgunhas fases da liga coincidindo coas lesións de homes importantes.
Tras este partido o Peixe Galego afrontará o mércores 4 de xaneiro en Melilla o seu primeiro partido de 2017, mentres o derbi galego ante o Leyma Coruña, na Raña, fixouse para o domingo 8 de xaneiro ás 20:00 horas.
Relacionadas:
-
O Peixe Galego despide o ano cunha derrota en San Sebastián (83-64)
Por Redacción |
-
O Peixe Galego, obrigado a acudir ao mercado tras a saída do estadounidense Alec Kobre
Por Redacción |
-
Dolorosa derrota do Peixe Galego no último cuarto ante o Tau Castelló (77-83)
Por Redacción |
-
Peixe Galego segue costa abaixo e cae na súa visita o CB Prat (96-81)
Por Redacción |