Un Arxil tocado aínda polas baixas recibe un perigoso Ibaizabal
Por Redacción
Tras unha semana de descanso -polo adiamento do seu partido ante o Cortegada-, o Arxil retoma a competición. Farao este sábado 19 de novembro, a partir das 19.30 horas, no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD). O rival para bater será o equipo vasco Ibaizabal.
As pontevedresas tratarán de lograr a súa quinta vitoria consecutiva, un triunfo que lles permita seguir na parte alta da clasificación.
Aínda que o Arxil chega con varias dúbidas a este encontro. Nin Waleska nin Ana Román puideron adestrar durante toda a semana, mentres que Carla volveu a tocar balón aínda este xoves. A participación das tres antóllase complicada neste partido.
Maite Méndez conta con Aldara, María Centeno, Maria Lago, Cristina Díaz-Pache, Andrea e Minata Keita do primeiro planteal, así como con Natalia Soage, Noa e as junior Ana e Carmen como posibles reforzos, á espera da evolución das lesionadas.
En fronte estará un Ibaizabal que encadeou tres vitorias consecutivas e que presenta na americana Achiri e na paraguaia Aponte a súa gran referencia ofensiva. Entre ambas case anotaron a metade dos puntos do seu equipo nas sete xornadas disputadas. Ademais, unha férrea defensa e un ritmo veloz de xogo son outras das súas armas máis imporantes.
Para este partido, a directiva do Arxil fixo un chamamento á afección para encher o pavillón do CGTD nun encontro que consideran fundamental para a traxectoria en liga.